Noticias

A Cidade da Cultura acollerá unha mostra inmersiva cunha recreación hiperrealista de Castelao e a súa voz grazas á intelixencia artificial

'Castelao. Mirar por Galicia' incluirá unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presentará tamén unha selección de obras dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial nunha recreación artística do seu espírito creativo. Ademais, estase a realizar un traballo de recreación da voz do intelectual, da que se conserva un único rexistro sonoro: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941, conservada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O arquivo someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou hoxe no Museo Centro Gaiás as liñas de traballo da exposición inmersiva Castelao. Mirar por Galicia. Realizada coa colaboración da Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un percorrido para atravesar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia.

Encadrado na programación da Xunta con motivo do Ano Castelao, este proxecto de arte dixital abrirá as súas portas na Cidade da Cultura a finais de xuño, nunha proposta que combina intelixencia artificial, hologramas, videoproxeccións e realidade virtual para trasladar unha visión anovadora da vida e o universo artístico de Castelao, recreando a súa imaxe e a súa voz grazas ao potencial das novas tecnoloxías.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, remarcou que Castelao. Mirar por Galicia representará “unha experiencia inmersiva e rigorosa, onde as novas tecnoloxías de intelixencia artificial se poñen ao servizo dun uso ético e responsable con grande esixencia metodolóxica”. Aludiu así López Campos ao equipo humano detrás deste proxecto, que conta coa asesoría histórica de Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, e posiblemente o maior especialista na biografía, obra e achegas da figura do intelectual.

A dirección artística do proxecto recae en Carlos Seijo, co-fundador do estudio galego Maxina e responsable das animacións e produción dixital desta proposta. Especialista no deseño de efectos visuais, animación 3D, visualización e experiencias inmersivas, conta con máis de 10 anos de experiencia nos que colaborou co Guggenheim de Bilbao ou Netflix, entre outras, ademais de coa Xunta de Galicia en proxectos como Orixes ou Hábitats, ambos no Gaiás.

No acto de presentación da exposición estiveron presentes ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, dúas das institucións que contribúen a facer realidade Castelao. Mirar por Galicia, cedendo parte dos seus fondos para incluír neste percorrido que parte de cumprida documentación histórica e patrimonial e centos de arquivos visuais para afondar na figura do intelectual, artista e político de Rianxo. Entre as institucións cedentes de obra atópanse tamén a propia Fundación Castelao, a Filmoteca de Galicia ou o Museo de Pontevedra, entre outras.

No seu conxunto, sinalou o conselleiro de Cultura, Castelao. Mirar por Galicia reflicte a vontade do Goberno galego de “promover un maior coñecemento de Castelao no conxunto da cidadanía, botando man das tecnoloxías dixitais para conectar co público, cunha visión transversal, e un gran potencial de encaixe didáctico nos currículos escolares, sen perder nunca de vista o rigor e o respecto a unha figura que representa a todos os galegos e galegas”.

Recreación da voz de Castelao

Castelao. Mirar por Galicia incluirá unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presentará tamén unha selección de obras dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial nunha recreación artística do seu espírito creativo.

Ademais, estase a realizar un traballo de recreación da voz do intelectual, da que se conserva un único rexistro sonoro: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941, conservada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O arquivo someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz. Isto, combinado co traballo de locutores profesionais, procura reproducir o máis fielmente posible textos da súa propia autoría, pertencentes a publicacións como Cousas, Sempre en Galiza, Alba de Gloria ou o Diario 1921.

Ano Castelao

Castelao. Mirar por Galicia é un dos proxectos máis destacados da programación despregada pola Xunta de Galicia en 2025 con motivo da súa declaración como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento. A través desta proposta, lembrou López Campos, a Xunta e a Fundación Cidade da Cultura “continúan ademais a afianzar a súa aposta por situar Galicia na vangarda das artes dixitais, nunha liña de traballo na que se encadra tamén a próxima apertura no Gaiás do futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia”.

R., 2025-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES