Notas de prensa

Medio cento de representantes de universidades de 20 países participarán na International Staff Week 2026

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.

“A inclusión parécenos un tema importantísimo dentro da educación superior e como dentro de ATHENA somos líderes do paquete de traballo relacionado coa calidade de vida, aproveitamos que temos socios de países que non son europeos para difundir tamén os valores europeos de inclusión, diversidade, igualdade, etc.”, explica Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización da UVigo en relación coa temática central elixida para este ano.

Durante os cinco días que dura a International Staff Week 2026, medio cento de representantes de universidades de Europa, Asia, África e América participarán en sesións de traballo, reunións bilaterais e actividades de carácter institucional e cultural nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. “En Pontevedra falarase de idadismo; en Ourense terán unha conferencia de Elena de Prada sobre a multiculturalidade e a inclusión, que tamén será o tema central dunha mesa redonda o xoves. Tamén se presentará un informe que fixemos en Athena relacionado coa inclusión das universidades da alianza”, detalla Maribel del Pozo, en relación coas temáticas que se abordarán e entre as que tamén figura a mobilidade e como facela máis inclusiva.

O carácter global do evento, que acadou récord de solicitudes

Con catro universidades representadas (Escola Superior de Negocios de Dąbrowa Górnicza, Universidade Tecnolóxica de Rzeszów, Universidade de Wrocław e Universidade Maria Curie-Skłodowska de Lublin), Polonia é o país con maior presenza na semana internacional que celebrará a UVigo, seguido de Xeorxia, que despraza a representantes de tres institucións de ensino superior (Georgian American University, Universidade Estatal Ivane Javakhishvili de Tiflis e Georgian Institute of Public Affairs.

Europa tamén estará representada por universidades de Italia, Alemaña, Portugal, Romanía, República Checa e Eslovaquia; mentres que o continente asiático achegará representantes de Turquía, India, Camboxa, Taxiquistán, China e Taiwán. No caso de África, os países con presenza na semana internacional serán Mozambique e Cabo Verde, mentres que Université de Moncton de Canadá, representará o continente americano.

“Con respecto da edicións anteriores vemos como a Semana se vai consolidando e este ano tivemos moitas solicitudes, a pesar de que houbo moitos problemas de cancelacións de visados, os voos subiron os prezos… pero foi un récord en número de solicitudes. Como a Semana vai collendo fama e renome, vaise afianzando”, explica Del Pozo, que a considera unha iniciativa “estupenda para dar visibilidade á Universidade e facela un lugar ao que a xente queira vir”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES