Noticias

Inaugurado o Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade para mellorar a formación do alumnado de FP

CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou en Ourense as novas instalacións de CiberLabFP, o novo Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade da FP situado no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nun acto no que estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou esta nova dotación como “unha infraestrutura estratéxica orientada á formación avanzada e á innovación aplicada nun eido fundamental no contexto tecnolóxico actual”.

Neste sentido, lembrou que no recente congreso FP Innova tivo un especial peso a abordaxe da formación docente neste eido. “Estamos a traballar para que tanto profesores como alumnos adquiran as competencias precisas para contar cunha cultura de seguridade dixital sólida que lles facilite previr incidentes e protexerse a si mesmos e á información que manexan”, explicou o conselleiro.

O conselleiro salientou, ademais, que este laboratorio “permite achegar a formación ás necesidades reais das empresas nun ámbito estratéxico cada vez máis demandado”. A este respecto, incidiu en que a nova dotación vai redundar “en profesionais mellor cualificados, con máis oportunidades no mercado laboral, e que van poder trasladar este coñecemento ás empresas nas que traballen e, polo tanto, incrementar a ciberseguridade no tecido produtivo galego”.

Román Rodríguez sinalou que, precisamente, a ciberseguridade é un dos eixos prioritarios do Plan Innova FP Galicia 26-30, que a Xunta vén de aprobar cun orzamento de 30 M€. Ao seu abeiro desenvolveranse accións como este laboratorio, o despregamento de oferta formativa especializada neste eido por toda a xeografía galega ou o lanzamento dunha competición, Desafío CiberLabFP, para fomentar a aprendizaxe práctica mediante retos técnicos reais propostos aos alumnos.

O conselleiro puxo en valor, así mesmo o papel do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros no desenvolvemento deste plan, “co que imos dar o pulo definitivo á innovación e á investigación aplicada na FP, aliñándoa cos obxectivos estratéxicos da I+G+i galega”.

Funcionalidades

CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas antes da súa implantación. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar esta tecnoloxía a centros educativos de toda Galicia, así como realizar demostracións para empresas ou en feiras.

O laboratorio nace ao abeiro do convenio entre a Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do programa RETECH. A súa posta en marcha é froito do traballo dun grupo multidisciplinar de profesorado de FP e expertos procedentes de entidades como Telefónica, Siemens ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

R., 2026-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES