Noticias

O Foro do Litoral será o máximo órgano de participación do conxunto da sociedade para optimizar a xestión da costa galega

Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega.

Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral.

A responsable autonómica explicou que a constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral; elaborar propostas de accións de investigación ou sensibilización; propoñer as medidas que se estimen oportunas para a mellora na xestión sostible do litoral, a accesibilidade e a competitividade dos sectores económicos implicados; e informar, asesorar e propoñer medidas para a adaptación do litoral ao cambio climático.

Neste sentido, incidiu na importancia de realizar estudos que permitan avanzar na resiliencia costeira, algo ao que contribuirá o foro ao poder constituír grupos de traballo -con carácter permanente ou temporal- para facer avaliacións de temas concretos, especialmente os relativos a actuacións estratéxicas que teñan lugar no litoral e resulten esenciais para o desenvolvemento sostible.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, subliñou que cantos máis expertos poidan participar neses traballos mellor, para afondar no espírito de cogobernanza recollido na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga). A interacción e a unión de forzas entre diferentes actores -públicos e privados-, engadiu, é sinónimo de éxito na busca dun equilibrio entre a protección da costa e o desenvolvemento socioeconómico.

Regulamento Xeral de Costas

A conselleira aproveitou o evento para pedir ao Goberno central que escoite ás comunidades autónomas costeiras e convoque unha Conferencia Sectorial co fin de debater sobre a necesidade de aprobar unha nova Lei de Costas estatal. Neste sentido, avogou pola suspensión da reforma do Regulamento Xeral de Costas ao considerar que é nula de pleno dereito.

Ademais de que se utiliza un regulamento para reformar unha normativa de rango superior -algo que non permite o ordenamento xurídico español-, trátase dunha modificación que vai xerar incerteza xurídica e litixios xudiciais, provocando conflictividade social polo impacto negativo que a reforma poida xerar nas actividades económicas que se desenvolven na franxa costeira.

Nesta liña, a responsable autonómica defendeu a necesidade de realizar unha reforma da Lei de Costas estable e consensuada, na que as comunidades autónomas participen activamente. De feito, así o pedirán as rexións costeiras a próxima semana no Senado, onde defenderán a necesidade de reformar a lei e non o regulamento.

Por iso, Ángeles Vázquez concluíu apelando á necesidade de desenvolver unha xestión do litoral integral que cumpra coa tripla perspectiva -promovida tanto pola Xunta como pola Comisión Europea- medioambiental, económica e social, algo ao que tamén contribuirá o Foro do Litoral de Galicia.

R., 2026-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES