
Non en van, aos e ás preto de 60 membros da formación que dirixe Javier Penido sumarase a colaboración especial do pianista Javier Ares e a participación da Aula Permanente de Música Tradicional, do Grupo de Baile Tradicional e do Coro Polifónico do campus de Pontevedra. Programado para as 20.00 horas, trátase dun recital con entrada gratuíta, previa retirada das invitacións que a partir do vindeiro luns 10 e ata o propio venres 14 poderán recollerse tanto nas conserxerías das diferentes facultades e escolas como da Casa das Campás.
Como destaca o director de área Luis Torres, este concerto busca consolidar unha actividade que xa se vén desenvolvendo desde hai uns anos dentro da programación cultural da Vicerreitoría e dar a oportunidade aos grupos do campus a que fagan ver o seu labor, ao tempo que se desenvolven como grupos. Con esa idea, tanto a aula de música como o grupo de baile tradicional acompañarán á Banda de Música de Caldas de Reis en varias das pezas, mentres que o coro protagonizará unha pequena actuación previa, nas escaleiras de acceso ao auditorio.
Unha galardoada formación con 20 anos de historia
Creada no ano 2005, preto de 60 músicos e músicas integran a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, formación que proporá unha mestura de estilos, como recoñece Penido, nun concerto no que haberá espazo para pezas de compositores dos séculos XIX e XX, como Gioachino Rossini ou George Gershwin, así como para cancións tradicionais galegas. Graduado en clarinete e dirección de orquestra polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña, Penide atópase á fronte desde 2021 dunha formación con dúas décadas de traxectoria, nas que foi sumando diferentes galardóns, desde que en 2016, baixo a dirección de Diego Fortes, acadaba os seus primeiros recoñecementos no XX Certamen Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda e no XII Certame Galego de Bandas de Música. De feito, o pasado ano 2024, esta agrupación era premiada no Certame Internacional de Bandas Ciutat de Valencia e acadaba tamén o primeiro posto na sección segunda do Certame Galego de Bandas Populares, no que xa acadara o premio na sección primeira en 2023.
Neste Concerto de Primavera, a banda compartirá escenario por primeira vez co pianista Javier Ares, formado no Conservatorio de Betanzos, no Conservatorio Superior de A Coruña e no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska. Ao longo das últimas dúas décadas, Ares Espiño desenvolveu unha ampla actividade dentro da música de cámara con diferentes formacións e ten protagonizado tamén numerosos recitais en formato de dúo, xunto a músicos como Gene Pokorny, Rex Martin, Hervé Hotier, Carlos Casadó, Antonio Suárez, James Markey, Alberto Urretxo, Iago Ríos, Ko-ichiro Yamamoto e Jacques Mauger. Profesor de piano no Conservatorio Superior de Música de A Coruña e membro do grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela, Ares integra desde 2010 o dúo Scaramouche xunto co pianista Jorge Briones e na súa carreira como solista destacan as súas actuacións coa Real Filharmonía de Galicia ou coas bandas municipais de A Coruña e Santiago de Compostela.
Un escaparate para as formacións do campus
En tres das pezas deste recital, a banda estará acompañada polas e polos integrantes da Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que dirixe o gaiteiro Suso Vaamonde e que conta no presente curso con máis de 40 alumnos e alumnas. Xunto o seu labor formativo, esta aula ten participado nos últimos anos en múltiples actuacións con diferentes formatos, como acontecerá tamén neste concerto, no que o seu grupo de gaitas e percusión sumarase á interpretación dunha das pezas, mentres que noutra fará o mesmo a sección de acordeóns e zanfonas. Finalmente, a aula ao completo, en formato de orquestra, tomará parte na interpretación da Xota e muiñeira de Coruxedo de Moia. Esta peza levará tamén ao escenario ás e aos nove integrantes do Grupo de Baile Tradicional do campus, unha formación creada no presente curso, dando continuidade ao labor formativo que se desenvolve no obradoiro Como bailar nun serán e dirixida pola integrante de Leilía Montse Rivera.
Ademais, o concerto verase precedido por unha breve actuación do coro do campus nas escaleiras de acceso ao auditorio do Pazo da Cultura. Dirixido pola tamén responsable do coro do IES A Xunqueira I, María Luisa Sánchez, trátase dunha formación integrada no presente curso por 34 persoas de entre 20 e 65 anos, que interpretará un repertorio conformado, entre outras pezas, por cancións tradicionais suráfricanas, zulús e gregas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.