Noticias

O Centro Dramático Galego e Mariña Lestón coproducen un espectáculo sobre a Costa da Morte que percorrerá o litoral con 17 funcións

Diferentes espazos singulares ao longo do litoral de Galicia serán o escenario dunha nova coprodución teatral do Centro Dramático Galego que, baixo o título Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, ten xa programadas 17 representacións entre os meses de xuño e xullo. A creadora Mariña Lestón asina a dramaturxia, dirección e produción desta montaxe, que ela mesma pon en escena para propoñer unha viaxe pola nosa historia marítima a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Desta volta, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras.


A implicación da compañía da Xunta neste proxecto multidisciplinar insírese na súa aposta para achegar o teatro a todo o territorio, seguindo a liña dos obxectivos fixados na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e como se fixo na campaña desenvolvida o pasado verán xunto a Teatro ó Cubo e o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, que percorreu un cento de espazos non convencionais do rural galego.

Da Guarda a Ribadeo

Desta volta, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras no transcurso dunha xira que arrancará o vindeiro 5 de xuño na Guarda e durante a que poderá verse tamén en Ares, Arteixo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, Neda, O Grove, O Rosal, Ortigueira, Outes, Ribadeo, Sanxenxo, Soutomaior, Valdoviño e Viveiro.

Natural de Fisterra, Mariña Lestón medrou escoitando historias dos naufraxios ocorridos na súa zona, a Costa da Morte, que agroman agora nesta creación co obxectivo de manter viva esta memoria colectiva, lembrando as persoas que xa non están e dándolles visibilidade ás que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron…

Para levar a escena esta proposta, pensada para público adolescente e adulto, conta coas achegas de destacados nomes do teatro galego, como Vanesa Sotelo, no apoio á dramaturxia; Cristina Domínguez, na asistencia vocal, e Carlos Alonso, na escenografía e vestiario. Ademais, o realizador Anxo Beiro asina a imaxe e audiovisuais do espectáculo, mentres que Xaime Beiro se encarga das proxeccións e o deseño gráfico. Jorge Álvarez, quen exercerá tamén de técnico en xira, é así mesmo o responsable da iluminación.

Tras a súa estrea o 5 de xuño ás 20,30 h. no Centro Cultural da Guarda, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio poderá verse ese mes no peirao de Arcade (Soutomaior); o día 6 ás 21,30 h.; no espazo museístico Estaleiro do Ciprián (Outes) o día 7 ás 22,30 h.; nas inmediacións do faro de Punta Frouxeira (Valdoviño), o día 13 ás 22,00 h., na praza do Mar de Sanxenxo, o día 14 ás 22,30 h., na praza do Náufrago de Celeiro (Viveiro), o día 20 ás 22,30 h., na praza de Rinlo (Ribadeo), o día 21 ás 22,00 h., no Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo), o día 27 ás 20,00 h., no paseo marítimo de Sardiñeiro (Fisterra), o día 28 ás 22,00 h. e no miradoiro de Monte de Ancos (Neda), o día 29 ás 22.30 h.

Xa en xullo, o espectáculo ten programadas funcións no faro de Cabo Ortegal (Cariño), o día 4 ás 22,30 h.; no porto de Espasante (Ortigueira), o día 5 ás 22,00 h.; na praza Conde de Fontao de Foz, o día 6 ás 22,00 h.: na praza de San Xián do Rosal, o día 8 ás 22,00 h., no Museo das Salgadeiras de Moreiras (O Grove) o día 10 ás 22,00 h., no parque Rosalía de Castro de Ares, o día 11 ás 22,30 h; e no Castelo da Concepción de Cedeira, o día 12 ás 22,30 h.

Estes lugares emblemáticos e cargados de historia ofrecen un escenario inmersivo que permitirá conectar o público co pasado a través desta montaxe, na que a música e as imaxes potenciarán tamén unha experiencia sensorial e emocional.

R., 2025-05-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES