Noticias

A 12ª feira Galicia Escena PRO reúne 225 profesionais de toda a península para impulsar a contratación de espectáculos galegos

Este evento congregará a semana que vén en Santiago de Compostela a 225 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos de artes escénicas. Oito espazos e prazas da cidade acollerán do 2 ao 5 de xuño o conxunto das actividades programadas este ano, que inclúen 21 funcións de teatro, danza e circo contemporáneo, 12 presentacións de proxectos en formato pitching, dúas mesas redondas e un concerto. Ademais, nestes momentos estase a pechar o calendario de reunións que as compañías galegas inscritas manterán con máis de 80 responsables de mostras, circuítos e espazos escénicos tanto de toda España e de Portugal co fin de favorecer a contratación de espectáculos de produción galega.

Este é o obxectivo prioritario do encontro, que tamén ofrece un escaparate cara ao público para unha escolma de 21 montaxes de teatro, danza e circo contemporáneo, das que 18 son galegas. Así, as persoas non acreditadas poderán asistir a estas representacións segundo a dispoñibilidade en casa espazo e previa retirada dos convites (máximo dous por función) na oficina de coordinación da feira, situada no Museo das Peregrinacións e de Santiago, en horario de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h.

Os espectáculos galegos de teatro para público adulto seleccionados para Galicia Escena PRO 2025 son As gardiás ou o nó do tecelán de Teatro de Ningures, María Visitación Consolación Amadora de Loia Producións, O proceso de Malasombra, Reconversión de Ibuprofeno Teatro, Tromsø de Morraoconto, Ubasute de Berrobambán, Un deus salvaxe de Talía Teatro e Vitória de Iria Pinheiro.

En danza, poderán verse as pezas Anfibia de La Guajira, Aurora Boreal de Paula Quintas Cía., Cicatriz de Kirenia Danza, Transeúnte de Daniel Rodríguez e Trïade de Colectivo Glovo, mentres que Rogelio III. La fête de AsSircópatas encádrase no apartado de circo. Ademais, inclúense nesta carteleira catro propostas pensadas para público familiar da man de Os Náufragos Teatro con Bulebule, Xampatito Pato con Compaña, Aurora Artes Escénicas con Maruxiña e Redrum Teatro con Os contos do Lobicán.

A estes títulos, producidos na súa meirande parte co apoio das subvencións da Xunta á creación escénica, súmanse outros tres espectáculos doutras tantas compañías convidadas dentro do acordo de colaboración con MADferia e Dansa Valéncia: a madrileña Nueveuno Circo con Todo lo posible, a valenciana Cía. Kiko López con Honest e o dúo gaditano Jessica Castellón & Boris Orihuela con Cuentas corrientes.

Programación profesional

Xa dentro da programación exclusiva para profesionais con inscrición en Galicia Escena PRO, o luns e o martes desenvolveranse as sesións de presentacións en formato pitching de 12 proxectos aínda en proceso de preparación. O primeiro día será a quenda de A derradeira leición do mestre de Chévere, A metamorfose de Sarabela Teatro, Manual de patronaxe de Teatro do Noroeste, Oh, mammi blue! de Cinema Sticado e Xoguetes rotos de Barrosanta e ButacaZero, mentres que o día 3 daranse a coñecer Galerock 'N' Magic do Mago Teto, Monte de Laboratorio Escénico, Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota e Compañía, O arcón de Noa de Amarelo Cía., O espírito de Vania de Machi Salgado, Os Senteito de Caramuxo Teatro e Todas temos a mesma historia de LaGriot'te.

A feira propón tamén un espazo para a reflexión e o debate arredor da situación actual do sector, que desta volta acollerá unha mesa redonda sobre as boas prácticas na distribución e outra sobre o relevo profesional e xeracional no ámbito da programación escénica. Na primeira delas participarán Daniel Juste, programador do Teatro José María Rodero de Torrejón de Ardoz (Madrid); Helena Ordóñez, codirectora de Contorsions-Festival Internacional de Circ de València, e Susana Rubio, presidenta da Asociación de Empresas de Distribución y Gestión de las Artes Escénicas, mentres que para a segunda se contará con Miguel Ángel Barreales, programador do Teatro El Albéitar de León; Pol Gil, director executivo da Mostra Igualada-Fira d’espectacles infantils i juvenils e membro da Xunta Directiva da Coordinadora de Feiras de Artes Escénicas e Paloma Morcillo, programadora do Teatro López de Ayala de Badaxoz. Gustavo del Río, do equipo da organización de Galicia Escena PRO, será o moderador en ambos os casos.

Completa o programa desta 12ª edición o concerto que a banda Capital Voskov ofrecerá o martes pola noite na Sala Riquela, que repite como espazo Galicia Escena PRO. Pola súa banda, Auditorio Abanca, Igrexa da Universidade, Salón Teatro, Teatro Principal e as prazas de Mazarelos e da Quintana serán os escenarios para as representacións dos espectáculos, mentres que o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá as reunións profesionais, as presentacións pitching e as mesas de debate.

R., 2025-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES