
Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas, concedeu o este recoñecemento a Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa, cuxos recoñecementos inclúen o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes. A eles poden engadirse distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia.
Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais, sinalou o comité internacional que outorga o premio. Claudio Rodríguez Fer, voz destacada da literatura de vangarda, tal e como destaca o devandito Comité, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, ou esperanto, entre outros) e o seu poema A cabeleira está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.
O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos e ás escritoras que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas. É a primeira vez que tal distinción recae en España, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.