
Co gallo da celebración do Día do Cómic neste mes de marzo, Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta na Sede Afundación de Ferrol a exposición «Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo», unha orixinal ollada á figura e obra deste artista universal, interpretado por grandes nomes da banda deseñada. Presentarase mañá xoves 20 de marzo cunha visita guiada a cargo do comisario da exposición, Asier Mensuro, que terá lugar ás 19.00 h. A visita guiada é de balde, mais é preciso reservar praza. Tamén estarán Verónica Rego, coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación, e Paula Ferreiro, da Sede Afundación de Ferrol.
A exposición rende homenaxe ao xenio a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas, moitas delas concibidas ex professo para esta exposición. «Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo» propón unha reflexión a través do cómic coa que afondar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo. Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidas autorías galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións en moi diversos soportes percíbese a pegada do gran Picasso. Convivindo coas clásicas bandas deseñadas en papel, preséntanse cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.