Notas de prensa

A Primavera Cultural sementará Santiago e Lugo de música, teatro, danza, palabra e reflexión arredor da arte

Música, exposicións, teatro, danza, fotografía, cinema... a Universidade de Santiago retoma a súa programación cultural en Lugo e Santiago os meses vindeiros coas máis variadas propostas, todas elas baixo o paraugas dunha nova Primavera Cultural que se estenderá ata ben entrado o mes de maio. A programación comeza xa esta semana, co XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC que se inicia este martes 11 no Salón Teatro de Santiago e co concerto do ciclo ‘Lubicán íntimo' de Su Garrido Pombo e Marco Maril na Casa do Saber de Lugo o venres 14 ás 20.30 horas.

Dende este martes 11 e ata o sábado, a USC abre en Compostela unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas por compañías universitarias das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Castela A Mancha, de Xaén, de Vilnius Gediminas de Lituania e de Beira Interior de Portugal. Todas as representacións desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC desenvolveranse no Salón Teatro de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.

A programación teatral continuará do 21 de abril ao 4 de maio coa XXV Mostra de Teatro Universitario de Galicia e a presentación, na segunda quincena de abril, do exercicio final do estudantado da Escola de Teatro.

Ademais, os días 11 e 12 de xuño a Aula de Teatro da USC representará na sala Roberto Vidal Bolaño a obra Agamenón, volvín do supermercardo e deille unha malleira ao meu fillo, de Rodrigo García.

En Lugo, o 2 de abril, a Compañía de Teatro USC-Lugo subirá o pano da súa última obra, Alicia wants to, no Auditorio Gustavo Freire; mentres que o 11 dese mes, na Casa do Saber, será a quenda da Compañía Vaites Vaites IV Ciclo con Cara de Leoparda. Ademais, do 2 de abril ao 11 do mesmo mes terá lugar o Festival de Teatro Universitario. A cita con EscaparArte será o 5 de abril.

Pola súa banda, o XXIII Encontro de Danza Universitario desenvolverase do 7 ao 9 de abril en Santiago e do 8 ao 10 de maio en Lugo. Ademais, en Compostela terá lugar o 14 de maio o terceiro festival MilongUSC e o 20 de maio o IV Tradi-Fest, ambos os dous en espazos do Colexio de Fonseca.

Música

No apartado musical a oferta da Primavera Cultural da USC é moi extensa, comezando por un dos ciclos musicais máis consolidados na capital lucense e que se define polo seu apoio á música galega actual, o ‘Lubicán’, que reverdecerá nos vindeiros meses grazas ás actuacións da Banda da Loba (19 de febreiro), Eris Mackenzie (13 de marzo) e Maricarme (10 de abril), todas na casa do Saber. Os dous primeiros terán lugar tamén en Santiago, na Igrexa da Universidade, os días 26 de febreiro (Eris Mackenzie) e 20 de marzo (A Banda da Loba).

Enmarcado no ciclo lugués ‘Lubicán Íntimo’ que inaugura este venres 14 Su Garrido Pombo e Marco Maril, enmárcanse tamén as actuacións de Abril (28 de marzo) e 9 Louro (3 de abril), que recollen encontros entre os artistas e estudantado preuniversitario de centros de ensino medio na Casa do Saber. O ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ tamén regresa a Lugo neste 2025 coa actuación da Coral ‘Lucus Terra’ do IV Ciclo da USC, o 10 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa do Saber.

A todas estas iniciativas, en Lugo hai que lle sumar ‘Na Calzada’ para novos talentos musicais que abre a recepción de propostas musicais dende o 10 de febreiro ata o 7 de marzo.

No apartado musical, en Santiago a Igrexa da Universidade acollerá a final da segunda edición do Certame de Grupos Musicais da USC e a mediados de xuño o Encontro Internacional de coros de amador. Ademais, a Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela actuarán na Igrexa de San Agostiño o 26 de abril e ao día seguinte visitarán o Auditorio Fuxan Os Ventos da capital lucense. O Encontro internacional de coros de amador, do 19 ao 21 de xuño no Paraninfo da Universidade e na Igrexa, pechan o programa musical desta Primavera Cultural.

Exposicións

As salas expositivas da USC estarán ateigadas de propostas moi diversas, comezando polas cinco que xa se poden visitar: Afectos dixitais, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca; As orixes do Anime na mirada de Tadahiko Horiguchi, no Claustro Alto de Fonseca; Gaza: o eco dos esquecidos, na Igrexa da Universidade; Un achado excepcional: 25 anos da Domus do Mitreo, no Museo do Mitreo; e as obras do XXX maratón fotográfico da Universidade na Biblioteca Provincial de Lugo.

A maiores, en Santiago están previstas as montaxes 8 libros que cambiaron o mundo. 8 mulleres, a partir do 7 de marzo no Claustro Alto de Fonseca; Narcisa e os monos voadores, do 11 de marzo ao 26 de abril no Salón Artesoado; Rosalía en Fonseca. O xardín da Revolución, a partir do 2 de abril en Fonseca; Ao Mar, fotografías de Cris Romero, na Igrexa do 24 de abril ao 30 de xuño; O retorno do máxico, no Salón Artesoado; e finalmente ‘Me declaro feminista’ A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo, entre o 4 e o 30 de xuño no Claustro Alto de Fonseca.

Audiovisual

Do 21 ao 25 de marzo, chegará unha nova edición do certame audiovisual Findecurta, cuxa inscrición poderá formalizarse do 5 ao 19 de marzo. A proxección dos traballos e a entrega de premios terá lugar o 25 de abril no Auditorio da Facultade de Veterinaria.

Ademais, en Lugo terá lugar cada mércores ás 19.30 horas na Casa do Saber unha sesión da Filmoteca do Club Valle-Inclán.

Formación en Lugo

A programación cultural da USC no Campus de Lugo en materia formativa xa está en marcha con ‘Preparando… Paisaxe Sonora, Videocreación, Findecurta’, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata unha semana antes do inicio de cada un dos tres módulos que a integran. O módulo 1 denomínase ‘Laboratorio Sonoro: Técnicas de gravación, software e creación de Paisaxes Sonoras’ e terá lugar os días 14 de febreiro, de 16.00 a 21.00 horas, e 16 de febreiro, de 9.00 horas a 14.00 horas. ‘Sementando Videoarte’ é o título do módulo 2 e ‘Cine de Guerrilla: Crea Cine Sen Límites’ o do terceiro módulo.

Tamén é posible xa solicitar praza nos Encontros Fotográficos que traerán á cidade de Lugo a ollada de Paula Quiroga Rodríguez (7 de marzo), Cata Rego (21 de marzo), Tono (22 do mesmo mes), Vicente Fraga (28 de marzo) e Jesús Madriñán (4 de abril). Ademais, o primeiro encontro do Grupo Fotográfico do Campus que se basea nun acompañamento titorizado das persoas participantes, terá lugar o 24 de abril.

Reflexión e debate

No Campus de Lugo, os Encontros de Lúa Chea, coloquios distendidos que dende a cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, serven para profundar e debater en temas de actualidade, tamén agromarán neste 2025. Así, e grazas ao pulo do colectivo Proxéctate en Galego, abordaranse cuestións como a agricultura en Palestina (26 de febreiro), urbanismo e acceso á vivenda (12 de marzo), Franco 50 anos despois (2 de outubro) ou 15 anos do decreto do Plurilingüísmo (29 de outubro).

A palabra tamén será a protagonista no Curso de Primavera ou no Microaberto que terá lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, o día 23 do mesmo mes, e no que as persoas participantes teñen a liberdade de intervir con aqueles textos, monólogos ou poemas, entre outras modalidades expresivas, que teñan interese de presentar ante o público.

Tamén para a reflexión se presentan as Faíscas Culturais, que continúan en Santiago con ‘i-Emotions: Afectos Dixitais’ e ‘Moto pau e pouca cenoria’ e en Lugo con ‘Acordar a Domus (2000-2025)’ e ‘Nada se sabe: artes vivas inclusivas’.

A maiores, a Vicerreitoría de estudantes e Cultura mantén abertas as convocatorias de axudas á creación e aos proxectos de agrupacións teatrais e danza e ao desenvolvemento de actividades de dinamización físico-deportiva e cultural organizadas polo estrudantado.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES