Notas de prensa

Setenta anos de iconografía artística de José Ángel Valente, nunha mostra en Santiago

Ao longo da súa vida, e mesmo despois do seu falecemento, o poeta, narrador, ensaísta e tradutor galego José Ángel Valente (Ourense, 1929-Xenebra, 2000) foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas (pintura, debuxo, caricatura). Unha mostra dese material recóllese na exposición Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024 que dende este martes e ata o 31 de marzo se pode visitar na Facultade de Filoloxía como parte das actividades programadas polo seu 50 aniversario.

Estará aberta ao público de luns a venres no 1º andar da facultade, entre as 8.30 e as 20.30 horas.

Esta exposición, comisariada pola doutoranda Laura Paz Fentanes, é unha pequena mostra do material que se conserva na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, dirixida por Claudio Rodríguez Fer e creada tras o nomeamento do poeta como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999.

Na montaxe poden verse algúns dos retratos realizados a Valente por artistas do seu Ourense natal nos anos cincuenta, como Manuel Prego de Oliver ou Virxilio, pero tamén doutro coterráneo actual, Baldomero Moreiras, que aporta unha obra feita expresamente para esta ocasión. Outros artistas galegos representados son Xosé Freixanes, Xulio Formoso e Sara Lamas, quen ilustrou unha gran cantidade de publicacións sobre Valente. Entre os soportes curiosos nos que se retratou ao poeta figuran a carauta e o coiro.

De fóra de Galicia está representado o pintor Ramón Pérez Carrió, que retratou varias veces a Valente e que ilustrou con gravados unha edición de artista do seu poemario Tres lecciones de tinieblas. Mais tamén abundan os debuxos e as caricaturas do poeta publicadas na prensa española, como é o caso das realizadas por Manuel Mampaso, Michel, Julián Grau Santos, Gusi Bejer, Javier Aguilera e o arxentino Sciammarella, así como un retrato debuxado por Ramón Palmeral.

O material exposto abrangue case setenta anos de arte, pois as pezas foron feitas entre 1955 e 2024, polo que mostran unha gran variedade de xéneros, estilos e técnicas. Mais non sorprende que as artes prestaran atención á figura de Valente, tendo en conta que a súa obra se editou en colaboración cun gran número con artistas plásticos (Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Pantenheimer, Forteza, Nóvoa, Coral, etc.) e que tratan sobre arte moitos dos seus poemas e dos seus ensaios, como os contidos no libro Elogio del calígrafo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES