Notas de prensa

Unha exposición en Fonseca exhibe pinturas de Tadahiko Horiguchi, un dos fundadores do anime xaponés

Tadahiko Horiguchi (Osaka, 1943), tamén coñecido polo seu pseudónimo de pintor 'Tokoitta', é un dos primeiros e máis destacados creadores do anime xaponés e discípulo do 'deus do manga', Osamu Tezuka, ademais de ser un dos poucos que seguiu creando obras sen cesar ata os nosos días. Parte da obra deste creador exporase ata o 28 de febreiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca grazas á colaboración entre a USC e a Fundación Araguaney.

Trátase de 28 pinturas de Horiguchi realizadas en diversos formatos e con diferentes materiais, como rotuladores, lapis de cores, tinta china, tinta de cores ou acuarelas.

A mostra ‘A orixe do Anime na mirada de Tadahiko Horiguchi’ inaugurouna o reitor da USC, Antonio López Díaz, nun acto no que tamén participaron o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; o debuxante de anime, artista de vídeo e autor da mostra, Tadahiko Horiguchi, que o fixo por videoconferencia; o director e guionista de anime e compañeiro do artista Tadahiko Horiguchi, Ryosuke Takahashi; e a pianista xaponesa Mine Kawakami. Tamén se contou coa asistencia da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do director da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, David Rodríguez.

A exposición

O día e a noite foron referencia no mundo da arte durante toda a súa historia. Tadahiko Horiguchi é un deses artistas que reflicten moi ben a importancia desa dualidade. As súas obras exploran temas relacionados coa natureza, a cultura e a vida cotiá, utilizando cores vibrantes e técnicas que capturan a esencia dos seus suxeitos, así como a importancia das diferentes luces que se dan ao longo do día.

As cidades son protagonistas en moitas das súas creacións e tamén a tranquilidade do campo e a montaña, paisaxes que el mesmo denomina “camiños” e nos que ás veces deixa entrever figuras de nenos que simbolizan a pureza, a inocencia e a conexión coa natureza. Presta moita atención aos detalles, desde a textura das árbores ata o movemento da auga dos ríos, o que lle dá ás súas obras unha calidade case tridimensional, así como un enfoque na luz e a sombra que axuda a crear profundidade e realismo.

A súa habilidade para transmitir emocións a través da pintura é similar á forma na que o fai na animación, creando conexións visuais e emocionais co espectador. O seu estilo artístico reflicte unha profunda apreciación pola estética xaponesa, combinando elementos tradicionais con influencias contemporáneas.

A exposición estará aberta ata o 28 de febreiro, de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.

Horiguchi

Tadahiko Horiguchi creceu con afección pola pintura e somerxeuse nesta arte ao óleo no club de arte do instituto ata que se matriculou na escola privada de Nishimura Shozaburo. Máis tarde uniuse á empresa de animación Studio Puppe onde quedou fascinado polo mundo da animación como aprendiz do director da compañía Renzo Kinoshita, animador de renome mundial. Nesta primeira etapa laboral, participou en moitas películas populares entre o público infantil da época, como Oba Q, Robotan, Big X ou Space Boy Soran.

Con tan só 23 anos trasladouse a Tokio para incorporarse ao estudio Lotus de Kinoshita. Xa na trintena, e como freelance, participou no grupo de produción de animación Akabanten, dirixido por Ryosuke Takahashi. Sen deixar de crear animacións, nesta época tamén volveu ao debuxo de cadros e comezou a expoñer.

Conferencia de Ryosuke Takahashi

Como actividade complementaria da exposición, este mércores 22 terá lugar a conferencia ‘Unha viaxe en primeira persoa pola historia do anime xaponés: dende Astro Boy ata os nosos días’, que ofrecerá Ryosuke Takahashi no Salón Nobre do Colexio de Fonseca ás 19:00 horas.

Desde un punto de vista persoal, Takahashi fará unha viaxe a través da historia do anime empregando varias das obras ás que contribuíu exemplo, explicando diferentes recursos e materiais destas creacións. Este é o caso de Astro Boy, a fantástica historia dun neno robot, con aparencia e sentimentos humanos, que xurdiu en 1952 como serie manga, creada por Osamu Tezuka, e que se converteu nunha serie de televisión xaponesa en 1963, con Takahashi como guionista na súa versión de 1980. Esta serie fíxose popular no estranxeiro e levou ao mundo a estética do anime.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES