Noticias

Máis de 60 propostas para todos os públicos para celebrar as Letras Galegas nas bibliotecas galegas

A Xunta de Galicia programa máis de 60 actividades para celebrar as Letras Galegas nas bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego e expandidas polas catro provincias. Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que presentou as distintas iniciativas que se van desenvolver nos vindeiros días nestes sete centros e no servizo de bibliotecas móbiles, a través dos cales, puntualizou, 'atopamos a mellor das vías para chegar a todo tipo de público e ofrecerlles propostas variadas co obxectivo de achegarnos ao significado da celebración das Letras e á figura das homenaxeadas este ano, as cantareiras'.

A Xunta de Galicia programa máis de 60 actividades para celebrar as Letras Galegas nas bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego e expandidas polas catro provincias. Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que presentou as distintas iniciativas que se van desenvolver nos vindeiros días nestes sete centros e no servizo de bibliotecas móbiles, a través dos cales, puntualizou, “atopamos a mellor das vías para chegar a todo tipo de público e ofrecerlles propostas variadas co obxectivo de achegarnos ao significado da celebración das Letras e á figura das homenaxeadas este ano, as cantareiras”.

Deste xeito, durante o acto celebrado na Biblioteca Pública Juan Compañel, en Vigo, onde estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante da Xunta fixo fincapé no papel destes espazos “á hora de difundir a nosa cultura e celebrar efemérides que nos serven para poñer en valor a nosa identidade e as persoas que axudaron a construíla e preservala, como son as mulleres transmisoras da nosa tradición oral”.

Neste senso, incidiu en que “o mellor xeito de recoñecer ás cantareiras como as artífices da conservación dun legado tan importante como é a poesía popular é traballando coa cativada a través de obradoiros e contacontos ou ofrecendo ao público adulto concertos e mostras bibliográficas que repasan a nosa historia”. Así, López Campos resaltou que con este conxunto de iniciativas “achegámonos ao noso cancioneiro e ás mulleres que nos recordan que nas cantigas populares tamén está a riqueza da nosas letras e da nosa lingua”.

Ademais, lembrou, esta programación nas bibliotecas públicas enmárcase nun “plan máis amplo no que o Goberno galego colabora con centros educativos, institucións e entidades no desenvolvemento de distintas accións, tanto en Galicia como no exterior".

Pontevedra

Tal e como expuxo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, na propia biblioteca viguesa xa se poden visitar desde o pasado luns, e ata o 31 de maio, dúas mostras bibliográficas acompañadas de paneis explicativos: A música tradicional galega, na sala infantil para un público familiar, e Galicia e a tradición oral, dirixida ao público en xeral. Dúas propostas que se completan coa sesión de narración oral e música Unha noite no muíño, de Felipe Caxoto, e un concerto de Francisco Castro que repasa a poesía galega musicada desde os anos 60. Os dous terán lugar o venres día 16.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Pontevedra José Odriozola ten programada, desde o 12 ao 25 de maio, a exposición bibliográfica Cantareiras e o cancioneiro popular galego, así como un concerto do grupo de Meis Cantareiras Madialeva que interepretarán o 10 de maio unha escolma de cantigas populares e poemas musicados. Ademais, a cativada poderá gozar dunha tarde de contacontos o día 16 a cargo de Polo Correo do Vento, e o día 23 con Raquel Queizás.

A Coruña

Os equipamentos que xestiona a Xunta na provincia da Coruña tamén ofrecen actividades moi variadas. En Santiago, a Biblioteca de Galicia propón unha exposición que baixo o título Tesoureiras do noso reivindica a figura das mulleres que salvagardaron a cultura popular recompilando materiais audiovisuais coa recolleita de coplas, fotografías ou recortes de prensa. Xunto coa mostra, tamén se organiza o 16 de maio un concerto do dúo folk formado por Marina Carpente e Claudia Abril, mentres que o 24 volve a música co proxecto Canta compañeira canta de Felisa Segade e Merchi Rodríguez. Por outra banda, os máis pequenos poderán achegarse ás Letras a través de dous obradoiros: o día 25 co taller musical Desde Rosalía ás cantareiras e o 7 de xuño con Diorama. Fai a túa caixa-conto das cantareiras.

Tamén en Santiago, na Biblioteca Pública Ánxel Casal preséntase ao longo do mes de maio a mostra infantil Por que non hei de cantare cun percorrido pola transmisión oral da literatura popular. Así mesmo, as persoas desde os 14 anos poden participar o día 12 no obradoiro Sen cantareiras non hai foliada da man de Montse Rivera e o 16 no roteiro O Día das Letras Galegas e Compostela, que repasa a historia da efeméride prestando especial atención á súa relación con Santiago. Completan a programación o día 16 o espectáculo Desde Rosalía ata as cantareiras: as mulleres nas Letras e o 24 a sesión de contacontos Carme, a cantareira da aldea da man de Andamiaxe.

Xa na cidade da Coruña, a Biblioteca Pública Miguel Ángel Garcés fai unha selección de libros e música na mostra Cancioneiro Popular Galego que xa se pode visitar ata xuño. Por outro lado, rende homenaxe ás Letras a través dos contacontos Cantaruxa Catuxa o día 10 ou o concerto musical para público familiar As nosas letras, as nosas cantigas que se celebrará o día 15 a cargo do grupo Argallo da Asociación Cultural Xacarandaina. As persoas adultas tamén teñen a opción de participar no obradoiro Bordado Literario o 21 e 22, mentres que á cativada agárdalle a proposta de artes escénicas Caderno de cores e cancións o venres día 9. Ademais, o día 14 preséntase un libro canda unha charla divulgativa baixo o título Tradición oral recuperada das tebras. Son contos ou historia?, de Severino Fernández Abel.

Lugo

No que respecta á provincia de Lugo, a Biblioteca Pública da cidade ten previsto inaugurar o vindeiro día 13 a exposición derivada do concurso escolar convocado desde a Secretaría Xeral da Lingua e na que se poderán ver os dous traballos gañadores: Cantareiras: poesía popular oral, do colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na Coruña, e Canta que cadramos ben, do Instituto Castelao, en Vigo. Tamén será protagonista a música cun concerto do Coro Xuvenil de Lugo o 16 de maio.

Por outro lado, o servizo de bibliotecas móbiles tampouco faltará á cita coas Letras Galegas, de maneira que A Furgoteca levará durante o mes de maio aos concellos lucenses de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, o xogo O Pasapalabra das Letras Galegas: as cantareiras e a poesía popular oral.

Ourense

Na cidade de Ourense, a programación da Biblioteca Pública Nós abrangue unha exposición centrada nas fotografías do certame Romaría Etnográfica Raigame que se celebra cada ano na parroquia de Vilanova dos Infantes, no concello de Celanova, e que poderá visitarse no centro xunto con outra mostra dirixida á cativada, LETRAS... Galegas. Panorama de narrativa infantil galega.

Ademais, tamén propoñen para o 16 de maio un roteiro por Ourense explorando a rica tradición musical galega, así como unha charla-obradoiro para o día 20, A tradición de cantar: A voz das mulleres como ferramenta expresiva, con Cristina Asenjo e Lucía da Fonte. Para o 23 organízanse actividades para nenos e nenas co programa Letras que cantan a cargo de Sabela Gago e o 24 terá lugar o concerto didáctico sobre a música tradicional Troupelear e o Proxecto Consonante con Blanca Villares e Pablo Pintor.

A estas iniciativas hai que engadir as que propoñen as dúas rutas de A Furgoteca na provincia. Así, na liña que percorre os municipios de Ourense Sur (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós) a cativada pode participar nos obradoiros Miña nai, miña naiciña, coa elaboración de marcapáxinas centrados nas nais e nas mulleres das Letras, e Que me cantas? , con xogos baseados no cancioneiro popular.

Pola súa banda, a biblioteca móbil de Ourense Occcidental (Rairiz de Veiga, Porqueira, Sarreaus, Sandiás, Muíños, Lobeira, Padrenda, Ramirás, Quintela de Leirado, Verea) ofrece ao longo do mes de maio un amplo abano de propostas, ata 16, que van desde obradoiros sobre coplas e actividades artísticas e musicais ata xogos e adiviñanzas.

R., 2025-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (vivenda-03.jpg) A Xunta enviará nos vindeiros días as alegacións ao documento enviado esta mesma semana polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que recolle o articulado do futuro Plan Estatal de Vivenda. A conselleira María M. Allegue critica que o documento chega tarde, 'o que pon en perigo a convocatoria de varias liñas de axuda', o que cualifica de 'irresponsable' por parte do Goberno central, nun contexto no que o acceso a vivenda é a principal preocupación da cidadanía. Segundo Allegue, 'falamos dun documento que non conta coa participación das CCAA'. O Ministerio trata, así, de impoñer modos de actuación e medidas que, en moitas ocasións, non son acordes coas liñas de actuación das Comunidades. Así, 'en lugar de buscar coordinación opta por actuar de xeito unilateral'.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado. Durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro puideron subministrarse as primeiras doses do radiofármaco, e a finais deste mes a unidade galega estará en condicións de abastecelo de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde. A produción destes radiofármacos ten un impacto moi positivo no sistema sanitario, posto que permite diagnósticos máis temperáns e precisos, especialmente en tumores, patoloxías cardíacas e enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.

Notas

Santiago acollerá do 1 ao 4 de outubro unha nova edición de 'Mover os Marcos', con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social. A situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas destas xornadas de encontro xeracional. A oferta complementarase con propostas culturais como break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas.
'A primeira edición foi unha combinación interesante de actividades para o alumnado da Facultade, se cadra, penso que este ano o que máis destaca é o esforzo que fixemos por acercarnos a cidadanía en xeral con actividades como andainas literarias, clubs de lectura, cine… ', detalla María Méndez, que colabora na organización da II Semana Internacional das linguas, as literaturas e a tradución, que se desenvolverá entre os días 22 de setembro e 3 de outubro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES