Noticias

A 42ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas exhibirá 26 espectáculos durante 15 días

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.

Así o explicou esta mañá no Auditorio Municipal de Cangas o equipo responsable do evento, nun acto no que participaron todas as institucións colaboradoras, entre elas a Xunta de Galicia, que estivo representada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Sinais de identidade

Na súa intervención, Sutil felicitou á organización do encontro por levar adiante unha nova edición desta mostra de referencia, que vén recibindo o apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de axudas a festivais de artes escénicas. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou que, ao longo destes anos, o certame manteña “os trazos de identidade que esta cita lle achega ao noso sistema teatral: calidade artística, defensa do teatro galego, miradas a propostas doutras procedencias, organización público-privada, implicación cidadá, apartados de formación e de creación, dinamización da economía local, e compromiso social e coa igualdade en todos os ámbitos”, sinalou.

A 42ª Mostra de Cangas exhibirá 26 espectáculos repartidos en cinco escenarios durante 15 días, nun programa no que teñen especial relevancia as producións galegas como reflexo do seu apoio ao tecido teatral do país, ás novas compañías e á creación emerxente. En canto a formatos e xéneros, o programa ofrece propostas escénicas que van desde a danza, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador, ata o teatro de rúa e o máis clásico e popular.

Estreas absolutas

Ademais, nesta edición, o festival exhibirá oito estreas absolutas, entre as que destacan O espírito de Vania, de Machi Salgado; A beleza faranos libres, de Anómico Teatro; Vento metal, de Trifásico Teatro; Coa cabeza nas nubes, da compañía Söa; Gala, da compañía de novo circo do País Vasco Rojo Telón e Enredo, un espectáculo de clown de A Vela Circo.

Completan o panorama galego As gardiás ou o nó do tecelán, en homenaxe ao que foi o seu tradutor do francés ao galego e un dos fundadores da Mostra de Cangas, o recentemente falecido Henrique Harguindey; e dentro do 25º aniversario do proxecto Mulleres en Acción, dedicado nesta edición ás pandereteiras e cantareiras homenaxeadas no Día das Letras, prográmanse As fillas bravas de Momán, de Chévere, e a proposta musical, performativa e audiovisual Ósmose, de Mercedes Peón.

Tamén se estrean en Galicia La reina brava, o último traballo da rompedora compañía andaluza Las Niñas de Cádiz; Barbados en 2022, espectáculo da madrileña Kamikaze, escrito e dirixido por Pablo Remón; Julio César, éxito internacional da portuguesa Companhia do Chapitô; Todos los ángeles alzaron el vuelo, de La Zaranda, e como parte de Mulleres en Acción, preséntase por primeira vez en Galicia a performance colectiva Se nota, se siente, el beige es incluyente, pilotada por Miss Beige, o alter ego da actriz e performer Ana Esmith. O público poderá gozar tamén do multipremiado espectáculo de teatro físico Lubbert, do artista catalán Inda Pereda.

A programación inclúe, así mesmo, diferentes actividades divulgativas, obradoiros, presentacións de libros, coloquios, xuntanzas sectoriais, exposicións e o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia, no que se dará a coñecer o Manual de boas prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas, un documento elaborado conxuntamente por asociacións de profesionais da dramaturxia de Galicia, Baleares, Cataluña, Madrid, Murcia e Valencia.

No que respecta á accesibilidade, a linguaxe de signos estará presente en varios espectáculos e actividades, unha sensibilidade que se completa proporcionándolles ás persoas con diversidade funcional e cognitiva espazos para que presenten as súas propostas sociais, culturais e artísticas.

R., 2025-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES