Noticias

Galicia contará cun sistema de simulación de propagación de grandes incendios que permitirá anticipar o seu comportamento e apoiar a toma de decisións na súa xestión

Deseñado e posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia —un servizo meteorolóxico de referencia na Comunidade—, o chamado Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal) permitirá dotar o operativo de loita contra o lume da Xunta dunha ferramenta tecnolóxica propia con capacidade para adaptarse á realidade en vivo, comparar distintos escenarios de evolución dun mesmo incendio e avaliar as medidas e actuacións en materia de extinción. Spigal superou xa unha fase de probas a partir dos datos reais dos incendios do verán pasado e está listo para entrar en funcionamento.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno galego desenvolveu nos últimos meses un sistema novo e moi avanzado para a simulación da propagación dos grandes incendios forestais —que son máis intensos e perigosos— que permite simular cal vai ser o seu comportamento nas horas seguintes e “predicir a súa evolución e expansión polo territorio para facilitar o apoio na toma de decisións de xestión en tempo real”.

Deseñado e posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia —un servizo meteorolóxico de referencia na Comunidade—, o chamado Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal) permitirá dotar o operativo de loita contra o lume da Xunta dunha ferramenta tecnolóxica propia con capacidade para adaptarse á realidade en vivo, comparar distintos escenarios de evolución dun mesmo incendio e avaliar as medidas e actuacións en materia de extinción.

Spigal superou xa unha fase de probas a partir dos datos reais dos incendios do verán pasado e está listo para entrar en funcionamento de forma preoperativa. Así se recolle no acordo do Consello polo que se toma razón da posta en marcha deste simulador avanzado, que “estará á disposición do Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais este verán”, indicou Rueda.

A gran vantaxe do sistema Spigal é que leva un visor asociado no cal integra os datos en tempo real (hora e localización do inicio, fume, vento, vexetación...) co fin de que as simulacións obtidas se poidan axustar de forma continua, pero tamén permite calcular a propagación de incendios que levan tempo activos e teñen xa un perímetro determinado. Ademais, ten unha gran capacidade de procesamento, o que garante resultados rápidos, “ofrecendo en 30 minutos unha simulación de cal vai ser a evolución do lume nas seguintes 12 horas”, explicou.

Tamén permite simular a xeración de “focos secundarios polo transporte de faíscas ou previr cara onde avanzarán as lapas”, estimar a humidade da vexetación de forma dinámica tendo en conta condicións meteorolóxicas cambiantes como a chuvia ou o ciclo diúrno e incorporar en tempo real ao sistema as actuacións executadas polo dispositivo de extinción de incendios dependente de Medio Rural (liñas de defensa, perímetros ou observacións sobre o terreo) para evitar que se propague.

Para obter unha ferramenta tan versátil, a Consellería, a través de MeteoGalicia, traballou meses no desenvolvemento dunha versión propia do sistema de referencia internacional WRF-Fire que integra, por un lado, un modelo meteorolóxico de alta resolución (WRF) e, por outro, un modelo de comportamento do lume (Fire). Isto permite simular de forma conxunta e simultánea a evolución da atmosfera e a do incendio, unha capacidade que se converte na principal vantaxe que ofrece Spigal fronte aos modelos convencionais.

De feito, predicir o comportamento e a expansión do lume resulta clave para saber como afrontar os incendios máis intensos e perigosos, xa que se trata de fenómenos moi complexos, que acadan unha grande enerxía e son capaces de desprazarse con moita velocidade, modificando mesmo a propia dinámica atmosférica. A calor extrema causada polo lume, por exemplo, pode propiciar a aparición brusca de fenómenos como os pirocúmulos, un tipo de nube de desenvolvemento vertical capaz de agravar un incendio.

Neste sentido, a capacidade de anticipación que ofrece Spigal permitirá seguir mellorando a xestión en Galicia dos lumes forestais, xa que “axuda na toma de decisións para minimizar os riscos para a poboación, reforza a seguridade dos membros do operativo que traballan expostos ao lume sobre o terreo”, asegurou Alfonso Rueda, ao tempo que contribúe a reducir as hectáreas de superficie queimada e, por conseguinte, o dano ambiental e as emisións de CO2.

Evolución na tipoloxía dos incendios

A tipoloxía dos incendios forestais foi cambiando en Galicia nas últimas décadas e son cada vez máis frecuentes os catalogados como “grandes incendios forestais ao afectar unha superficie de máis de 500 hectáreas”, unha tendencia constatada tamén a nivel mundial. Este cambio fai que os factores meteorolóxicos teñan cada vez máis valor neste ámbito, xa non soamente pola súa utilidade para anticipar o risco de incendios senón tamén para abordar e planificar a súa extinción.

Nese contexto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Consellería do Medio Rural manteñen unha estreita colaboración desde hai anos para poñer á disposición da Dirección Xeral de Defensa do Monte todos os datos obtidos das estacións meteorolóxicas operadas por MeteoGalicia, da Rede galega de detección de raios e do radar localizado en Cuntis, así como as previsións dos seus modelos de alta resolución.

Todo isto serve para calcular diariamente o IRDI (índice de risco de incendios forestais), realizar os boletíns informativos e coñecer a evolución da atmosfera no lugar onde se estea producindo o foco, o que permite anticipar cualitativamente o seu comportamento e axudar nas manobras e nos labores de extinción.

En todo caso, era necesario afondar máis nesa liña de colaboración xa que os incendios forestais máis intensos poden modificar as condicións atmosféricas da súa contorna, influíndo á vez na súa propia evolución. Este tipo de comportamentos, observados en Galicia en episodios como os incendios asociados á tormenta tropical Ofelia en 2017, no Courel e en Valdeorras en 2022 ou nalgúns lumes do pasado verán, será cada vez máis frecuente no actual contexto de cambio climático.

Precisamente en resposta a este escenario en que os modelos convencionais xa non son suficientes xorde Spigal, que reforza a cooperación entre ambas as consellerías neste eido e consolida a capacidade de acción pública de Galicia para anticiparse aos riscos asociados aos incendios forestais e ás súas novas tipoloxías.

De feito, MeteoGalicia utilizou para desenvolver esta ferramenta, a modo de banco de probas, a información que tiña sobre os grandes lumes que en agosto de 2025 afectaron sobre todo a provincia de Ourense. Cos mellores datos dispoñibles sobre a situación do combustible forestal (vexetación) nas zonas danadas fixéronse diferentes ensaios e, unha vez testado o modelo, construíuse o visor que permite agora configurar os cálculos necesarios para visualizar sobre mapas reais as simulacións de propagación.

R., 2026-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES