
O traballo, publicado na revista científica MicrobiologyOpen, aborda un dos principais retos actuais na loita contra a resistencia antimicrobiana: a capacidade de determinadas bacterias para sobrevivir no interior das células do organismo. Este mecanismo permítelles escapar parcialmente da acción do sistema inmunitario e dos tratamentos antibióticos convencionais, favorecendo a persistencia da infección e aumentando o risco de recaídas.
Co obxectivo de identificar novas alternativas terapéuticas, o equipo investigador realizou un cribado de 6.297 compostos con actividade biolóxica coñecida. Este proceso permitiu identificar a molécula 5-fluoro-2-deoxicitidina (5-FdC) como unha candidata prometedora para actuar contra infeccións intracelulares por S. aureus.
Os resultados máis destacados obtivéronse ao combinar este composto coa rifapentina, un antibiótico xa empregado na práctica clínica. A combinación mostrou un efecto sinérxico fronte a diferentes cepas da bacteria, incluídas variantes resistentes á meticilina (MRSA), consideradas pola Organización Mundial da Saúde entre os patóxenos prioritarios na investigación de novos tratamentos.
A eficacia da estratexia foi validada en distintos modelos experimentais. Ademais dos ensaios en cultivos celulares, os investigadores demostraron a súa actividade en modelos animais de infección, nos que observaron unha redución significativa da carga bacteriana sen evidencias de toxicidade nas condicións estudadas.
As análises moleculares realizadas durante o estudo permitiron comprobar que esta aproximación actúa simultaneamente sobre a bacteria e sobre determinados mecanismos celulares do hóspede. Este enfoque, coñecido como host-pathogen dual targeting, representa unha estratexia innovadora para o desenvolvemento de terapias máis eficaces fronte ás infeccións persistentes.
Segundo os autores, os resultados constitúen unha proba de concepto para a reutilización de fármacos xa coñecidos na loita contra a resistencia antimicrobiana, considerada pola Organización Mundial da Saúde unha das maiores ameazas para a saúde global nas próximas décadas.
O artigo conta coa participación de investigadores de distintas institucións nacionais e internacionais e está coordinado por Álvaro Mourenza e Michal Letek., que figuran como autores de correspondencia da publicación, reforzando o papel do CICA e da UDC no desenvolvemento de investigación biomédica de vangarda orientada á procura de novas solucións fronte ás infeccións resistentes aos antibióticos.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.