Noticias

A intelixencia artificial e os seus retos centran o II Encontro de Equipos TIC das comunidades autónomas

A intelixencia artificial (IA), a súa gobernanza e o impacto na organizacións públicas centraron o II Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) das comunidades autónomas, celebrado hoxe en Madrid, no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas.A Xunta de Galicia estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.

Durante a xornada analizáronse cuestións clave como a visión estratéxica da IA na Administración pública, os seus riscos e a cooperación entre comunidades autónomas, así como os modelos de gobernanza desta tecnoloxía e o seu impacto na organización do traballo e na xestión do talento.

O programa estruturouse en diversas mesas de traballo especializadas nas que se trataron ámbitos como a aplicación da IA no posto de traballo, o seu despregamento nos procesos de desenvolvemento e operacións, así como o seu impacto no ámbito sanitario. Tamén se abordaron os retos da ciberseguridade na era da intelixencia artificial e a protección dos propios sistemas de IA.

O encontro completouse cun plenario final de posta en común das conclusións das mesas de traballo, no que se puxeron de relevo os principais retos e oportunidades que presenta a integración da intelixencia artificial nas administracións públicas, así como a necesidade de reforzar a colaboración entre territorios.

R., 2026-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES