Segundo explica o comisario, en A pel. Epílogo busquei que o tema da pel estivese presente da man de dúas autorías excepcionais cun alto grao de radicalidade das propostas, tanto na súa formulación teórica como na súa realización material e apariencia formal. Dúas persoas valiosas na constitución desa pel antropolóxica. As propostas escollidas, engade, conteñen códigos para descifrar aspectos do contemporáneo en temas cruciais, coma o valor da vida confrontada á morte ou a presencia da violencia de xénero na linguaxe cotiá. E ambas empregan outras linguaxes e técnicas entrando e saíndo do estrictamente fotográfico sen evitar a súa centralidade.
Dúas mostras e un epílogo
Xabier Fernández, comenta Xosé Lois Vázquez, é un dos fotógrafos máis cabais dos que nos visitaron no Festival Internacional Outono Fotográfico. Achega sempre outra forma de despregar o fotográfico que nos induce a visitar as transcendencias que cubre ou contén. Coma se dunha pel se tratase, sinala o comisario, nas súas pezas informa mediante indicios e aparencias que debemos ler, sabendo que non son só o que parecen.
Sobre Gabriela Rivera Lucero, o comisario indica que realizou unha das propostas máis coherentes de todas cantas teñen chegado ao Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, do que foi finalista na VII edición. A creadora, engade, na súa obra constrúe un poderoso alegato contra a infamia e a crueldade, sexa a través dos nomes de animais cos que se insulta impunemente ás mulleres ou da dor contida nos materiais cos que realiza as máscaras que os representan (peles, despoxos de seres sentintes que tiveron vida), todo nos conmove e interpela.
Respecto á palabra epílogo, Xosé Lois Vázquez explica que escolleuna para esta proposta expositiva xa que esta fai referencia ao que será a miña ultima acción de organización ou activación fotográfico-cultural que derive da historia do festival Outono Fotográfico (OF), co que estiven intimamente ligado durante décadas. Neste epílogo, comenta, desexaba que Alterarte seguise participando da experiencia do OF como espazo expositivo expandido (o festival foi ampliando presencia ata chegar a 22 vilas e cidades de Galicia e Portugal), tal como fixo sempre o campus no Outono Fotográfico ao programar varias exposicións en lugares diferentes.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.