//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros das tres universidades públicas galegas (USC, UVigo e UDC) e aglutina a máis de 1.600 investigadores. Baixo a marca CIGUS, a Xunta financia, vertebra e visibiliza a investigación universitaria de excelencia. Nos últimos catro anos logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta leva destinados case 68 millóns. De feito, na convocatoria actual -na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporaron- incrementouse nun 31% a achega do Goberno autonómico.
As empresas galegas que empregan Intelixencia artificial son xa o 15,7%, tras experimentar un crecemento do 51,1% no último ano. Crece tamén o uso do Cloud Computing, que pasou do 31,5% ao 38,2% no mesmo período de tempo. Son datos da enquisa sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2024/2025, publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que constatan o crecemento sostido das tecnoloxías innovadoras no tecido produtivo galego. Outro dos indicadores do grao de dixitalización das empresas galegas é a incorporación dos especialistas TIC. O 13,1% das empresas de máis de 10 empregados conta con este perfil profesional, un 4% máis no último ano, o que a converte a Galicia na novena Comunidade Autónoma con máis proporción de especialistas TIC no tecido empresarial.
En torno ao 75% do alumnado galego de 5º e 6º de Primaria e de ESO dispón de teléfono móbil e a maioría conéctase a internet practicamente a diario, segundo se desprende da V Enquisa de diagnose da convivencia 2025. O estudo consta dun amplo bloque sobre a convivencia nos centros escolares tanto para alumnado de ensino obrigatorio (Primaria e ESO) como postobrigatorio (Bacharelato e Formación Profesional) e outro bloque enfocado aos hábitos sociais do alumnado, que se introduciou por primeira vez na enquisa de 2023. Arredor do 90% do alumnado (91,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 84,33% dos de ESO e os 78,83% dos de ensinanzas postobrigatorias) afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios.
A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de 'Ceo Dixital Europeo'. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro. Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
A Comisión Europea concedeu a España esta semana unha segunda factoría de Intelixencia Artificial (IA Factory). Esta nova infraestrutura, que se suma á do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), situarase no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), fundación participada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) organismo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Xunta de Galicia. A posta en marcha desta factoría suporá un investimento total de 82 millóns de euros, dos que o Goberno de España achega 24 millóns de euros, a través do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Persoal investigador do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de presentar unha innovadora estratexia molecular para transportar fármacos contra o cancro ata o núcleo de células tumorais para que poidan desenvolver a súa función terapéutica. Neste caso, os estudos realizáronse con doxorrubicina, un fármaco habitual en quimioterapia. O seu uso prolongado pode xerar células resistentes, un fenómeno que este traballo consegue sortear mantendo a súa actividade antitumoral. O avance parte dunha idea sinxela pero poderosa: a capacidade dos péptidos cíclicos pequenas cadeas de aminoácidos pechadas en forma de anel para amontoarse e formar estruturas cilíndricas ocas (nanotubos) nas membranas deste tipo de células.
A I+D+i galega viviu hoxe un novo fito coa posta en funcionamento da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e tamén unha das maiores de toda Europa: 120 quilómetros que unen a partir de agora Santiago de Compostela e Vigo, en concreto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Vigo Quantum Communication Center (VQCC). O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron na posta en funcionamento desta conexión, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles.
Preto de medio cento de estudantes de oito centros educativos galegos deseñaron o seu propio satélite a partir de materiais de refugallo. É a cuarta das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia promovida pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e que conta coa colaboración de numerosas empresas do sector, universidades e centros tecnolóxicos. Os equipos, integrados por seis alumnos e de diferentes ciclos da ESO, enfrontáronse a este reto de construír o seu propio satélite en Nigrán, nas instalacións da empresa UARX Space, que colabora con Airbus e a UVigo na celebración deste hackaton, que permitiu aos estudantes poñer en práctica as súas habilidades de deseño, enxeñaría e traballo en equipo.
Baixo a marca Galicia: o mellor camiño en biotecnoloxía, a delegación galega está amosando na feira o potencial científico e empresarial da Comunidade. Ademais da Axencia Galega de Innovación, a delegación conta coa participación da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), XesGalicia e as fundacións públicas dos Institutos de Investigación sanitaria IDIS, IISGS e INIBIC, as agrupacións industriais Bioga, Clúster Saúde de Galicia e VIRATEC, e as tres universidades públicas galegas: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña. En total, a comitiva aglutina a máis de 160 empresas a través destas agrupacións industriais, tres universidades e tres fundacións sanitarias, unha mostra da diversidade e da solidez do ecosistema galego biotech.
Foi inaugurado no Centro Galego de Arte Contemporánea o segundo encontro do ecosistema de I+D+i en cuántica. Baixo o título 'Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica', o foro reuniu un cento de expertos e entidades relacionadas con este eido a nivel nacional e internacional, co obxectivo de fortalecer as colaboracións e posicionar Galicia como unha comunidade de referencia nestas tecnoloxías. Esta xornada enmárcase no proxecto Quorum (Ecosistemas de innovación en cuántica), financiado por CDTI con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Liderado por Gradiant e coa participación de Fujitsu, a Axencia Galega de Innovación, Cesga, Fidesol Itecam, QCentroid e Qilimanjaro, aspira a crear unha contorna colaborativa para fomentar a innovación no campo cuántico en España e posicionar ao país á vangarda.
Un equipo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia rexistrou unha nova metodoloxía que permite elaborar análises económicas e ambientais cun nivel de detalle territorial moi superior ao que ofrecen as ferramentas convencionais. Denomínase Path-Q-Plus para a interrexionalización de marcos contables input-output, investigación da tese de doutoramento de Uvenny Quirama Estrada, dirixida por Xesús Pereira López e Melchor Fernández Fernández.
Álvaro Mourenza, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e do grupo EXPRELA do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderou un estudo internacional que identifica unha nova estratexia terapéutica para combater infeccións causadas por Staphylococcus aureus, unha das bacterias resistentes aos antibióticos de maior relevancia clínica a nivel mundial.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.
A robótica avanzada, os robots humanoides e os xemelgos dixitais protagonizaron este xoves no edificio Redeiras unha nova edición dos Encontros Gidein, unha iniciativa impulsada polo Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación e o Grupo de Enxeñaría de Fabricación, GEF, da Universidade de Vigo en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
A investigadora e catedrática da UVigo África González reuniu en Santiago çalgunhas das figuras máis destacadas da investigación internacional en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia. O encontro científico, organizado polo consorcio Terav+ Galicia que dirixe desde a UVigo a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, converteu a capital galega nun foro de debate sobre os principais avances e retos deste ámbito.
Responsables desta iniciativa público-privada centrada en acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. A Unidade Mixta sitúa SunRock como socio empresarial tractor do proxecto e como compañía responsable de orientar a xeración de resultados cara a decisións de desenvolvemento, valorización e licencia.
O grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña da UVigo coordina o proxecto Aurora, centrado en mellorar a resiliencia, o deseño e a optimización das estruturas de protección costeira. O obxectivo é desenvolver e aplicar ferramentas de modelado numérico para abordar a estabilidade das unidades de blindaxe dos crebaondas ao tempo que se afonda na comprensión dos procesos físicos que desencadean a súa inestabilidade.