
Con todo, descoñécese a cantidade real de artigos publicados procedentes de paper mills. Agora, os profesores da USC Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira reflexionan nun texto editorial titulado AI for detecting paper mill papers, publicado en British Medical Journal, unha das revistas máis prestixiosas no ámbito biomédico, sobre a posible detección destes artigos fraudulentos a través de técnicas de intelixencia artificial. Esta peza editorial continúa unha serie de publicacións destes investigadores arredor deste eido.
As fábricas de artigos científicos representan unha ameaza sistémica para a integridade da investigación, contaminando a evidencia, influíndo nas citas e afectando potencialmente a toma de decisións clínicas, explican. De acordo cos autores, estas fábricas son empresas que xeran manuscritos deseñados para parecerse a artigos científicos lexítimos, recorrendo frecuentemente a datos e imaxes fabricados, manipulados ou duplicados. A autoría destes manuscritos véndese a autores e envíanse a revistas científicas para a súa publicación coma se fosen traballos académicos xenuínos.
Identificalos, todo un desafío
Os principais medios de comunicación e as revistas científicas líderes informan cada vez máis sobre a magnitude do problema e as súas implicacións para a confianza na ciencia. Con todo, a detección de artigos procedentes de fábricas de artigos científicos segue sendo un desafío por varias razóns. En primeiro lugar, sinalan os autores, estes artigos atópanse dispersos en diversas revistas e xeralmente examínanse individualmente; en segundo lugar, a revisión posterior á publicación (é dicir, a avaliación da investigación publicada por lectores e expertos independentes fóra do proceso formal de revisión por pares) depende dun número relativamente pequeno de investigadores especializados; en terceiro lugar, algunhas revistas poden carecer de recursos para recoñecer a contaminación a grande escala; e, finalmente, moitos investigadores seguen sen ser conscientes deste problema.
Os autores indican que, alén da necesidade de desenvolver novas técnicas de detección de artigos fraudulentos, é necesaria unha maior implicación das institucións financiadoras de investigación e dos organismos científicos (Universidades, institutos de investigación), na prevención e educación dos investigadores, e sanción cando corresponda, ante prácticas científicas pouco éticas.
Cristina Candal Pedreira e Alberto Ruano Raviña son investigadores da área de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela, e membros do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela. Alberto Ruano Raviña tamén é membro do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), designado como centro singular de investigación pola Xunta de Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.