Noticias

Un equipo do CiQUS deseña unha estratexia baseada en nanotubos peptídicos para superar a resistencia á quimioterapia

Persoal investigador do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de presentar unha innovadora estratexia molecular para transportar fármacos contra o cancro ata o núcleo de células tumorais para que poidan desenvolver a súa función terapéutica. Neste caso, os estudos realizáronse con doxorrubicina, un fármaco habitual en quimioterapia. O seu uso prolongado pode xerar células resistentes, un fenómeno que este traballo consegue sortear mantendo a súa actividade antitumoral. O avance parte dunha idea sinxela pero poderosa: a capacidade dos péptidos cíclicos — pequenas cadeas de aminoácidos pechadas en forma de anel— para amontoarse e formar estruturas cilíndricas ocas (nanotubos) nas membranas deste tipo de células.

O mecanismo deseñado polo equipo que lidera Juan R. Granja consegue axustar a doxorrubicina a estes péptidos e dirixila cara ao núcleo mediante un mecanismo distinto ao habitual deste fármaco. Grazas a iso, evítanse os métodos de desactivación ao fármaco que posúen as células resistentes.

En comparación coas células sas, a membrana das células cancerosas presenta unha maior concentración de lípidos aniónicos (con carga negativa), para as cales presentan unha marcada afinidade os péptidos cíclicos empregados neste traballo, o que facilita a súa interacción coas células cancerosas. Grazas a iso, o fármaco e o ciclopéptido entran nas células cancerosas e avanzan cara ao núcleo onde a doxorrubicina se intercala co ADN celular para exercer a súa función terapéutica.

Os ensaios confirmaron que a estrutura química do ciclopéptido determina a súa habilidade para formar nanotubos estables, o que incrementa a súa eficacia para penetrar nas células malignas. O traballo publicado na revista ACS Applied Materials & Interfaces foi levado a cabo no CiQUS, centro que conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia e que recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Enorme obstáculo

A resistencia aos medicamentos é un dos maiores obstáculos no tratamento do cancro. Moitos tumores desenvolven mecanismos para expulsar os fármacos do seu interior, limitando a eficacia destes tratamentos. Os péptidos cíclicos actúan neste caso como eficaces vehículos de transporte, capaces de introducir a doxorrubicina nas células que normalmente a rexeitarían.

Esta combinación de selectividade, transporte e liberación intelixente pretende establecer unha nova vía para as quimioterapias combinadas, onde a nanotecnoloxía peptídica pode actuar como un poderoso aliado para combater o cancro. Os autores do traballo confían en que este enfoque inspire o desenvolvemento de novas terapias combinadas dirixidas a tumores difíciles de tratar.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES