
'Esta estación ofrece unha vantaxe competitiva moi grande para a nosa investigación en comunicacións cuánticas vía satélite, incrementa a nosa visibilidade internacional e a nosa capacidade de colaborar en proxectos neste ámbito', explicou no acto o catedrático Marcos Curty, investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Comunication Center da Universidade de Vigo, centro líder no desenvolvemento de tecnoloxías de comunicación cuántica para as telecomunicacións 'do presente e do futuro', tal e como se explicou no acto.
'As comunicacións cuánticas van ser o soporte que vertebre o futuro'
Ao seu carón, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, non dubidaron en resaltar a importancia que ten para Galicia dotarse dunha infraestrutura deste nivel. 'Hoxe é un día para celebrar o talento, que é o que marca as diferencias e o que pode facer que un país como o noso, que durante séculos non estivo precisamente na vangarda do coñecemento, poida situarse, cun sistema universitario de altísima calidade e con iniciativas coma esta, apoiadas polo goberno do Estado e da Xunta, como verdadeira punta de lanza', subliñou Reigosa, quen agradeceu a Curty, 'pór a Galicia no mapa' das comunicacións cuánticas.
'Estamos seguros de que as tecnoloxías de comunicacións cuánticas van ser o soporte que vertebre o futuro e este tipo de infraestruturas dannos a oportunidade de non perder ese tren', salientou pola súa banda o conselleiro, Román Rodríguez, quen asegurou que o país está listo para poder competir cos territorios máis avanzados. 'Temos profesionais ben formados, tanto galegos como non galegos', facendo así referencia na capacidade de atracción de talento que acadou Galicia nestes últimos anos no eido das comunicacións cuánticas, pondo como exemplo o propio VQCC da UVigo, onde arredor do 50% do seu persoal é estranxeiro, 'o que dá boa mostra da capacidade de atraer talento especializado, persoas que traen consigo non só talento, senón tamén moita ilusión e ganas'.
Xunto ao reitor e o conselleiro o acto contou tamén coa asistencia do decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero; da directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN, Carmen Cotelo, e César Pérez, xefe territorial de Educación en Pontevedra.
Nodo da rede ibérica, e da futura europea
A nova estación permitiralle á Universidade de Vigo conectarse coas principais misións europeas e internacionais que despregarán satélites para comunicacións cuánticas nos próximos anos, incluíndo, por exemplo, as misións da ESA Eagle-I e SAGA, na que xa forman parte do consorcio.
Curty salientou nesta liña que nestes intres se está a realizar o despregamento dunha rede de comunicacións cuánticas a nivel europeo, 'a denominada European Quantum Communication infrastructure, EuroQCI, 'para protexer as nosas comunicacións máis sensibles', e, como parte desta iniciativa, en España e Portugal estase despregando unha rede, IberianQCI, que unirá ambos os dous países e que, posteriormente, se unirá tamén á rede EuroQCI vía satélite. 'Vigo é un nodo da IberianQCI, e a estación óptica terrea que presentamos hoxe formará parte desa rede', recalcou o responsable do Vigo Quantum Comunication Center.
Segundo explicaron os investigadores, na actualidade so hai unha estación óptica similar para comunicación cuánticas no Instituto de Tecnologías Físicas y de la Información Leonardo Torres Quevedo, dependente do CSIC, pero de menor tamaño que o que hoxe se inaugurou en Vigo. 'A día de hoxe é o máis grande de España, se ben nos próximos dous anos está previsto que se despregue outro en Barcelona', recalcou Curty.
Tecnoloxía punta para garantir a seguridade das telecomunicacións
A nova estación consiste esencialmente nun telescopio de 80 centímetros de diámetro, situado dentro dunha gran cúpula, e diferentes equipos de medida situados nun contedor conectado ao telescopio por fibra óptica. Tal e como explicou Curty e a investigadora Hannah Thiel, do Laboratorio de Satélites do VQCC, empregarase para comunicacións cuánticas vía satélite e, en particular, para distribución cuántica de claves criptográficas protexidas polas leis da mecánica cuántica. Estás claves poden empregarse para encriptar información e garantir a seguridade a das comunicacións, independentemente da capacidade computaciónal dun atacante.
'Aínda que un atacante dispuxese de toda a capacidade de cálculo do universo, non podería romper as comunicacións', salientou Curty, ao tempo que explicou que os satélites actúan como transmisores de sinais ópticos de moi baixa intensidade, codificadas en estados cuánticos da polarización da luz. A estación óptica terrea é o receptor, recibe as sinais e mídeas cun equipo de medida que traballa no réxime cuántico. Deste xeito, pódense establecer primeiro claves criptográficas entre satélites e estacións ópticas en terra e, a continuación, isto pódese trasladar a claves criptográficas establecidas entre as estacións, onde estarán conectados os usuarios.
Alén do telescopio e o equipo de medida conectado ao mesmo por unha fibra óptica, a nova estación estará equipada tamén cun sistema de óptica adaptativa, para compensar as turbulencias da canle atmosférica, e así garantir unha canle con pouco ruído, e dun sistema de apuntamento e seguimento do satélite. 'Son elementos que se incorporarán este verán', subliñou Curty, quen tamén adiantou que se desenvolveu tamén un receptor para comunicacións cuánticas que se incorporará tamén nos vindeiros meses.
A estación empregarase con satélites de orbita baixa (LEO) como os que se van a empregar nas misións da ESA SAGA e Eagle-I, e tamén con satélites de orbita alta, xeoestacionaria, como a misión española GARBO.
Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.