Notas de prensa

O IGFAE incorpórase a CMS, o experimento do CERN que observou o bosón de Higgs

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acaba de incorporarse oficialmente ao experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do CERN, unha das principais colaboracións dentro da Organización Europea para a Investigación Nuclear. O CMS, xunto ao experimento ATLAS, foi o responsable de observar en 2012 o bosón de Higgs, un dos maiores fitos da física de partículas nas últimas décadas.

A portavoz de CMS, Anadi Canepa, comunicou a decisión ao director do IGFAE, Carlos A. Salgado, logo de ser aprobada polo equipo de goberno do experimento nas pasadas semanas. Deste xeito péchase un proceso iniciado na primavera de 2025, que incluíu unha visita de varias responsables de CMS a Santiago de Compostela en novembro, entre elas Anadi Canepa, para coñecer de preto as novas instalacións do IGFAE e súas as capacidades científicas e técnicas.

O equipo do IGFAE en CMS estará liderado polo investigador Xabier Cid Vidal, tamén profesor titular na USC. “A incorporación do IGFAE a CMS supón un fito para Galicia, xa que se trata dunha das maiores colaboracións científicas do mundo”, destaca. “É un experimento de propósito xeral, que ten asegurada a súa toma de datos ata a década de 2040, o cal garante a permanencia do IGFAE no LHC para as futuras xeracións de físicos e físicas”, engade Xabier Cid. A incorporación a CMS permitirá tamén o reforzo do equipo do IGFAE, abrindo novas e prometedoras oportunidades ao persoal egresado do Instituto, mais tamén para a captación de talento externo que estea traballando en CMS desde outras institucións.

No ámbito científico, o IGFAE contribuirá a CMS na procura das coñecidas como ‘partículas de vida longa’ (LLPs, polas iniciais en inglés de ‘long) e a detección de partículas de sectores escuros, así como na contribución da física de sabores estraños (strange-flavour physics). Tamén achegará a súa bagaxe teórica en estudos de fenomenoloxía e estratexias de análise. Desde a perspectiva máis técnica, o centro galego achegará os seus coñecementos de computación en tempo real; en trigger (os sistemas que permiten decidir que colisións de partículas deben ser consideradas para análise); a I+D de detectores ou os métodos de aprendizaxe automática (machine learning) para a clasificación, reconstrución e simulación de sinais.

A entrada do Instituto en CMS aséntase na longa experiencia que o IGFAE atesoura nos mencionados ámbitos de traballo, logo de décadas participando no experimento LHCb, outra das principais colaboracións do CERN, onde o Instituto lidera a representación española.

Máis de 6.000 persoas

A colaboración CMS reúne a máis de 6.000 persoas (sumando persoal investigador, técnico, de enxeñaría e de computación) de máis de 50 países, representando a máis de 250 institucións e universidades. Estas cifras convértena nunha das maiores colaboracións científicas da historia da ciencia. Este equipo encárgase de operar e recoller datos do seu detector, o Compact Muon Solenoid, co obxectivo de dar resposta ás incógnitas que aínda permanecen arredor do Modelo Estándar da Física de Partículas ou a posible existencia da materia escura.

O detector CMS está instalado arredor do maior imán solenoide xamais construído, cun campo de 4 teslas, unhas 100.000 veces maior que o campo magnético da terra. Este campo está confinado por un ‘xugo’ de aceiro que conforma a meirande parte do peso do detector (en total, 14.000 toneladas). Mide 21 metros de lonxitude, 15 de ancho e 15 de alto. Deste xeito, funciona como unha enorme cámara de altísima velocidade, tomando imaxes en tres dimensións das colisións de partículas, que se producen nunha cantidade de ata 40 millóns de veces cada segundo. Detectar e analizar estas colisións, e as partículas que se producen nelas, axudan a coñecer máis detalles dos elementos fundamentais da materia. No ano 2012, o experimento CMS, xunto a ATLAS, conseguiu o fito de detectar o bosón de Higgs, a única partícula predita teoricamente polo Modelo Estándar que aínda non se observara experimentalmente.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES