Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco. Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a USC sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon.
O uso de internet é practicamente universal no rural de Galicia entre as persoas de entre 16 e 54 anos, e máis do 91% dos fogares destas áreas teñen contratados servizos de internet de banda larga, de acordo cos datos do informe Galicia Dixital: A modernización tecnolóxica no rural – Edición 2024 que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia. A conectividade e os usos dixitais seguen avanzando de forma sostida, reducindo a fenda coas áreas urbanas. A publicación analiza o equipamento informático nos fogares, a contratación de internet e banda larga, os usos de internet e o comercio electrónico, así como a interacción en liña coa Administración pública.
Cerca do 90% das empresas galegas con máis de 10 persoas empregadas utiliza aplicacións de software libre e a porcentaxe é de máis do 67% no caso das microempresas. Os datos forman parte do estudo O Software Libre nas Empresas de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas, que realiza o INE anualmente, que cede os datos a OSIMGA en virtude do convenio de colaboración. Entre os programas máis utilizados destacan os navegadores de Internet (95,5%), as aplicacións ofimáticas (75,3%) e os sistemas operativos libres (51,5%).
Esta primeira fase abrangue o desenvolvemento, avaliación e posterior compra dunha solución de acceso á información académica e de analítica avanzada de datos para a prevención do abandono educativo, así como dunha solución de asistente virtual baseado en intelixencia artificial. Trátase, pois, de despregar un ecosistema dixital integrado que permitirá dotar o sistema educativo galego de infraestruturas analíticas avanzadas, como plataformas de intelixencia artificial, sistemas de alerta temperá e simulación de escenarios, entre outros, ao servizo do conxunto da comunidade educativa.
O 84,3% das persoas de Galicia de 5 a 15 anos utilizou dispositivos electrónicos nos últimos 3 meses, e a porcentaxe sube ata o 94,8% no caso das de 10 a 15 anos. Os datos do estudo Rapaciñ@ dixitais. Edición 2024 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia indican que o nivel de dixitalización nestas idades recupera a tendencia ascendente tras a baixada detectada en 2023.
Avanza a instalación do primeiro compoñente esencial do Proteus ONE do Centro de Protonterapia de Galicia coa súa introdución xa no búnker que se dedicará ao tratamento de pacientes de cancro. Este equipamento tecnolóxico, financiado pola Fundación Amancio Ortega, é actualmente o máis avanzado e preciso no tratamento de pacientes oncolóxicos. O compoñente introducido no búnker é preciso para o equilibrio do gantry xiratorio (brazo) do equipo de protonterapia, de forma que resulta esencial na calibración da máquina, que debe asegurar un movemento preciso e suave, necesario no tratamento oncolóxico de alta eficiencia que ofrecerá a sanidade pública galega.
O 61,4% dos galegos e galegas dispón de competencias básicas ou avanzadas e o 37,7% conta con competencias dixitais avanzadas, a menos de dous puntos da media estatal, situándose no oitavo lugar entre as comunidades autónomas. Son datos publicados polo INE sobre os Fogares e as TIC, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que sinalan que o 92,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan internet e o 56,7% comprou online nos últimos tres meses, un 5,8% máis que o ano anterior.
Galicia continúa incrementando o seu gasto en I+D: o investimento galego neste eido volve medrar ata acadar a cifra récord de 1.058 millóns de euros. Así se indica no informe Estatística sobre actividades de I+D do ano 2024, publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. Este incremento supón un crecemento de case un 10%, superior ao do conxunto do Estado que foi de case o 7%. Isto supón que o gasto en I+D aumenta 95 millóns de euros con respecto ao ano anterior (2023), uns datos que evidencian a aposta pola investigación e a innovación. De feito, a Comunidade escala un posto, superando a Castela e León, no ránking de autonomías que máis invisten en ciencia. Convértese, así, na sexta rexión con maior investimento neste eido.
Galicia e Cataluña son as dúas únicas comunidades de España que van contar con fábricas de IA, o que pon de manifesto o importante labor desenvolto no campo das tecnoloxías profundas por ambas comunidades. O Barcelona Supercomputing Center (BSC) será, xunto co CESGA (Centro Supercomputación de Galicia), unha das institucións que albergue unha das 19 novas fábricas europeas de intelixencia artificial. Isto converte a España nun dos tres únicos países que contará con dúas factorías de IA. A colaboración entre o BSC e o CESGA xa é real a través da Rede Española de Supercomputación, algo que se intensificará agora a través das factorías europeas.
Os adolescentes están rexistrados en redes sociais de forma masiva: o 92,5% participa en polo menos unha rede social e o 75,8% en tres ou máis. Mesmo nos últimos cursos de Primaria, o 78,3% xa ten presenza nalgunha rede. Pero o impacto da tecnoloxía vai moito máis alá do lecer ou a comunicación. Estes son algúns dos resultados de 'Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social', estudo elaborado pola USC, Red.es, UNICEF España e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática, froito dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, e que ofrece unha fotografía nítida dunha xeración hiperconectada e que, aínda que máis consciente dos perigos da Internet, segue enfrontándose a graves desafíos
« Anterior | 5  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

Persoal investigador de oito universidades reuniuse na UVigo nunha xornada promovida polo proxecto Esmas-Es+, que ten como obxectivo o deseño dunha ferramenta de etiquetado semántico automática e multilingüe, que facilite a análise do significado das palabras e expresións por parte dos sistemas informáticos, e que permite automatizar a asignación de etiquetas de significado ás palabras dun texto.
A colaboración CODEX-b do CERN conseguiu, nun importante fito, rexistrar os primeiros datos co prototipo do seu detector CODEX-beta, instalado no Large Hadron Collider (LHC). Isto supón un paso clave para demostrar a capacidade de busca desta nova clase de detectores, centrados na procura dos denominados como 'sectores escuros', partículas e campos alén do Modelo Estándar que coñecemos ata agora.
A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) concede á Universidade de Vigo un financiamento total de 311.650 euros para o desenvolvemento de dez proxectos de cultura científica que se executarán no período 2026-2027. Esta cifra, correspondente á convocatoria de axudas de 2025, consolida e reforza a tendencia ascendente da institución olívica no acceso a este tipo de axudas, superando os resultados das edicións anteriores.
A decimocuarta edición do Campus XuvenCiencia empezou este luns 29 coa presenza de 95 estudantes de 3º e 4ª da Eso, Bacharelato e Ciclos Medios de FP, procedentes de diversos puntos de todo o Estado. O Campus de Lugo da USC alberga, un ano máis, este campamento estival, no que o estudantado terá a oportunidade de achegarse á universidade a través de diversos proxectos, actividades, visitas e propostas de diversa índole.
Dixitalización, virtualización e intelixencia artificial foron os eixes temáticos do seminario promovido este luns polo equipo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 co propósito de pór en común as áreas de traballo das e dos seus integrantes e avaliar posibles colaboracións nunha serie de áreas transversais ás diferentes liñas de investigación deste grupo da Facultade de Dirección e Xestión Pública.
Antes de que aparezan os problemas de conduta, existen sinais temperáns que poden axudar a comprender como se desenvolve o comportamento infantil e a intervir de forma preventiva. É o obxectivo do proxecto A-TRaVIeSA, que lidera Laura López Romero, investigadora do IPSiUS, está orientado a identificar os sinais temperáns dos problemas de conduta.
A Rede CRUSOE celebrou a súa XVI Asemblea Xeral Ordinaria na Universidade da Coruña nun momento de plena transformación. A reunión constatou o papel activo da entidade no apoio para a construción da futura macrorrexión do Arco Atlántico e deu luz verde á constitución da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica (AURA), unha nova rede transnacional de universidades do espazo atlántico europeo.
O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO acaba de incorporar un microscopio hiperespectral de campo escuro que permitirá estudar nanopartículas individuais e coñecer con maior precisión as súas propiedades ópticas. A nova infraestrutura supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto Chiral-Pro, centrado en comprender como interactúan as nanopartículas quirais con proteínas e outras biomoléculas.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.
O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real. Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas para reducir as emisións do sector, pero a súa implantación introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES