Notas de prensa

Investigadores do CIM replican as condicións do hábitat mariño para analizar o impacto da baixada de salinidade nos bancos marisqueiros

As abondosas chuvias dos últimos meses puxeron en evidencia o impacto que os aportes de auga doce teñen nos ecosistemas mariños e, consecuentemente, na produción marisqueira. Para achegar un pouco máis luz sobre este proceso, un grupo de investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), realizaron un estudo pioneiro que replica as condicións do hábitat mariño no mesocosmos de bancos marisqueiros intermareais.

O obxectivo é estudar os efectos das frecuentes baixadas de salinidade que ocorren en Galicia e a súa relación coa Zostera noltei.

O traballo, no que tamén participaron científicos e científicas da Universidad de Oviedo, a Universidad Rey Juan Carlos I e a University of South Carolina, acaba de ser publicado na revista ICES Journal of Marine Science. Segundo Salvador Román, autor principal do artigo e membro do Grupo de Ecoloxía Costeira, “este experimento ofrece unha visión máis completa dos ecosistemas intermareais” e pon de manifesto a “importancia de entender as interaccións entre as especies mariñas e a contorna, proporcionando resultados máis realistas e aplicables que investigacións anteriores”.

O experimento realizouse no mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), unha infraestrutura de investigación do CIM única en España e formada por tanques con grandes volumes de auga que reproducen as condicións do medio natural. Isto permitiu ao equipo imitar as condicións das mareas e avaliar os efectos das precipitacións intensas, revelando a influencia da planta mariña Zostera noltei na regulación da salinidade e o efecto mitigador en eventos ambientais extremos como as vagas de calor.

Unha estratexia efectiva para fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros

Como explican os investigadores, normalmente nas zonas estuáricas, durante a subida da marea, a salinidade aumenta debido á influencia do mar, mentres que durante a baixada da marea, a descarga de auga doce diminúe a salinidade. Con todo, eventos climáticos extremos, como intensas precipitacións, poden causar flutuacións significativas, afectando á saúde dos bancos marisqueiros. Os resultados deste estudo suxiren que a implementación conxunta de Zostera noltei e o cultivo de ameixas pode ser unha estratexia efectiva para fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros fronte a eventos ambientais extremos, proporcionando un enfoque sostible e práctico para a xestión dos recursos mariños.

Salvador Román destaca que deste xeito, ponse en valor “a combinación beneficiosa do cultivo de especies de ameixas e a presenza de Zostera, demostrando que esta asociación actúa como un eficiente mecanismo de mitigación”. En concreto, o estudo constata unha lixeira interacción positiva da presenza de Zostera, xa que a biomasa aérea e subterránea da planta retén a auga circulante, retardando a renovación da auga, e proporcionando un efecto amortecedor durante eventos curtos de diminución de salinidade. Ademais, a biomasa actúa como amortecedor térmico en momentos de marea baixa e altas temperaturas, porque retén a humidade e dá sombra ao sedimento, brindando protección adicional ás especies mariñas.

En canto ás especies de ameixas, a investigación establece que a Ruditapes philippinarum (ameixa xapónica) é a máis resistente a eventos de baixa salinidade, seguida por Ruditapes decussatus (ameixa fina). A Venerupis corrugata (ameixa babosa) mostrou ser a máis afectada, experimentando unha alta taxa de mortalidade e efectos fisiolóxicos adversos.

O investigador tamén lembra que “a pesar dos beneficios que ofrecen as pradarías de Zostera, existe unha controversia no sector marisqueiro debido ás dificultades que presenta o raizame para a extracción de recursos. Aínda que estas plantas mariñas a miúdo son percibidas como obstáculos, os resultados deste estudo suxiren que son beneficiosas ou, polo menos, neutras para as especies de ameixas en cuestión, xa que non atopamos ningún efecto negativo da Zostera sobre estas especies de ameixas nos nosos experimentos”.

Infraestrutura única

O mesocosmos é un conxunto de instalacións de grandes volumes de auga con condicións próximas ás do medio natural, nas que os factores ambientais poden ser manipulados de maneira realista e monitorizados. Constitúe, polo tanto, unha das ferramentas experimentais máis potentes do mundo, tanto fronte aos estudos in situ, nos que non se poden manipular as condicións ambientais e monitorizalas, como fronte aos estudos en laboratorio, onde o feito de traballar con volumes pequenos afástaos das condicións naturais.

O do CIM é o primeiro mesocosmos que se constrúe en España e un dos poucos que existen en Europa e ten a particularidade de situarse nun sistema de afloramento, como son as rías, no que o vento do norte fai que afloren augas profundas, frías e moi ricas en nutrientes, convertendo a zona nun dos ecosistemas máis produtivos do mundo. Todas estas características convérteno nunha instalación única e estratéxica para completar os estudos dos distintos escenarios existentes desde o punto de vista da ecoloxía mariña.

Universidade de Vigo, 2024-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Financiado pola convocatoria comunitaria Europa Creativa, o proxecto HYP-Hypothesis You Preserve, ten entre os seus obxectivos a creación dunha 'enciclopedia dixital colaborativa de historia alternativa', unha disciplina que propón reflexionar sobre que tería acontecido se determinados feitos históricos se tivesen desenvolvido dunha forma diferente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES