Notas de prensa

Comeza a construción do edificio do plató virtual da Cidade das TIC

A construción do edificio que albergará o plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI) na Cidade das TIC xa está en marcha. O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o exreitor da UDC, Julio Abalde, mantiveron unha reunión esta mañá na sede da Deputación da Coruña cos representantes do Clúster Audiovisual Galego e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para coordinar o avance do proxecto.

González Formoso, que informou do inicio das obras tras a reunión, destacou que a nova infraestrutura vai permitir que a creatividade audiovisual galega “flúa por todos os canais comerciais do mundo e as distintas plataformas”, nun sector integrado por máis de 700 empresas e no que traballan 4.500 persoas. Formoso asegurou estar “moi satisfeito” do traballo desenvolvido xunto á UDC, o Concello da Coruña e o Clúster TIC Galicia, co financiamento do Goberno e a colaboración da Xunta, e dixo que é “motivo de orgullo” para a Deputación capitanear o proxecto. O presidente provincial mostrouse tamén “gratamente sorprendido” de que en só 14 meses todos os implicados no proxecto foran quen de “propoñer unha idea, deseñala e executar os fondos”.

O presidente do Clúster, Alfonso Blanco, destacou que a iniciativa “vai fortalecer a Cidade das TIC e vai marcar un punto e aparte dentro do sector industrial galego, porque que conflúan tecnoloxía, TIC e formación por parte da Universidade nun mesmo espazo é algo moi singular a nivel de Europa”. Tamén indicou que “como produtoras, levamos moitos anos traballando coa Administración e o que vén de suceder é un pequeno milagre: 14 meses dende as primeiras reunións ata o inicio das obras é algo moi rechamante”.

A construción do edificio do plató virtual adxudicouse o pasado decembro por 2.534.538,12 euros, cun prazo de execución de oito meses. Trátase do derradeiro paso para a posta en marcha do CEI, logo de que en agosto se adxudicara a tecnoloxía de vangarda do plató virtual por 6,1 millóns de euros. A posta en marcha está prevista para o vindeiro outono.

As instalacións contarán coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual e servirán para mellorar a competitividade das empresas galegas do sector, ademais de atraer producións de cine, televisión e videoxogos procedentes de toda Europa.

O edificio estase a construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da Cidade das TIC da Coruña, dentro da que se levantarán dous edificios interconectados. Nun primeiro bloque, situado na parte leste da parcela, estará o estudo audiovisual, e un segundo, na zona oeste, dará servizo ao plató. Construiranse cun sistema prefabricado de estrutura de formigón, o que permitirá que os prazos da obra sexan reducidos.

O edificio quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que permite ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radón. Isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar.

Como eixo desta infraestrutura crearse un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao plató virtual, no que se disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.

Para a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado na zona sur, aproveitando o desnivel para crear unha grada e un lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co patio.

Un edificio sustentable

Para o deseño do edificio tamén se tiveron en conta criterios de sustentabilidade. As fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías e axude a atemperar o interior. A orientación das diferentes estancias tamén responde a unha estratexia de aproveitamento da ventilación natural. Ademais, inclúese o uso de cubertas vexetais con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que permiten a recuperación de auga, implementando así un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia. Outro punto importante é o emprego de paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos edificios.

Tecnoloxía virtual de vangarda

Unha vez completadas as obras do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.

A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que contará o plató virtual deberán posibilitar aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real. A tecnoloxía vén proporcionada por Telefónica.

A Deputación subliña que este ambicioso proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (inverno-chuvia.jpg) Galicia rexistrou nos meses de decembro, xaneiro e febreiro o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século. A precipitación media ascendeu ata os 800 litros por m2. Uns valores cuxo precedente máis recente se remonta aos anos 2000-01 e que supoñen un incremento do 81% respecto ao habitual neste período. Así, foi o cuarto inverno máis chuvioso da serie histórica. En concreto, decembro non tivo unha anomalía de choiva moi notable, pero xaneiro e febreiro foron meses moi húmidos con anomalías do 98% e do 160% superiores aos valores normais nestes meses, respectivamente. En canto ás temperaturas, vivimos un inverno cálido, aínda que foi bastante máis frío que os dous anteriores.
Foto de la tercera plana (union-europea-bandeiras.jpg) O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente. Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar 'unha postura común'. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada en outubro.

Notas

A música cobrará especial importancia o vindeiro 12 de marzo nos campus de Lugo e Santiago de Compostela grazas á Primavera Cultural. A lucense praza de Santa María acollerá o concerto de XianPais + Ulex ás 20.15 horas, e a actuación de Kid Mount na Igrexa da Universidade botará a andar ás 21.00 horas. No caso de que se dean condicións meteorolóxicas adversas, o concerto de Lugo trasladaríase a Veterinaria.
A pregunta de se é posible empregar a IA xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Este proxecto permite constatar que 'hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación, mais tamén se atopan nesgos de xénero, sutís pero persistentes'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES