
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou hoxe que Galicia rexistrou nos meses de decembro, xaneiro e febreiro o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século.
Durante a presentación do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a conselleira engadiu que a precipitación media durante este inverno ascendeu ata os 800 litros por metro cadrado. Uns valores cuxo precedente máis recente se remonta aos anos 2000-2001 e que supoñen un incremento do 81% respecto ao habitual neste período. Foi o cuarto inverno máis chuvioso da serie histórica, incidiu.
En concreto, decembro non tivo unha anomalía de choiva moi notable, pero xaneiro e, sobre todo, febreiro foron meses moi húmidos con anomalías do 98% e do 160% superiores aos valores normais nestes meses, respectivamente.
En canto ás temperaturas, Ángeles Vázquez indicou que vivimos un inverno cálido, aínda que foi bastante máis frío que os dous anteriores. A temperatura media foi de 9,1 graos, o que supón unha anomalía de seis décimas superior ao valor climático de referencia. Isto debeuse principalmente á media da temperatura mínima, cuxa desviación respecto ao valor climático foi 2,8 graos máis alta do habitual. Pola contra, a anomalía media da temperatura máxima foi tres décimas inferior ao valor normal.
Por meses, decembro e xaneiro foron normais en canto ás temperaturas, e húmido e moi húmido, respectivamente, no que respecta ás precipitacións. En canto a febreiro, de cuxo informe climatolóxico tamén informou hoxe a conselleira, foi un mes extremadamente húmido e moi cálido.
Segundo dixo Ángeles Vázquez, a precipitación media acumulada o pasado mes foi de 304 litros por metro cadrado, un 160% máis que o valor climático habitual. Para atopar un febreiro máis húmido temos que remontarnos a 1979, engadiu.
Máis polo miúdo, a conselleira lembrou que nas dúas primeiras semanas rexistrouse unha continua chegada de borrascas moi activas. Na segunda quincena, aínda que as borrascas non foron tan frecuentes nin activas, seguiron acumulando cantidades relativamente significativas de precipitacións.
No que respecta ás temperaturas, a media do mes de febreiro foi de 10,3 grados, cunha anomalía de 1,5 graos por riba do frecuente neste período. A temperatura mínima media foi de 5,4 graos e a máxima foi de 12,4 graos, que son valores algo máis altos do que correspondería a un mes febreiro. Esa anomalía positiva foi moito máis significativa na temperatura mínima, o que se explica polo feito de que a presenza constante de borrascas deixa madrugadas de ceos nubrados con ambiente bastante suave.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.