Noticias

Galicia defende en Bruxelas un novo marco financeiro descentralizado, que protexa o papel das rexións e manteña unha política de cohesión forte

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente. Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar 'unha postura común'. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada en outubro.

O mandatario galego reiterou que 'non pode rebaixarse como se pretende a cantidade dos fondos de cohesión', demandando que a Unión Europea aposte por un financiamento suficiente. Ademais reclamou un maior peso dos territorios no deseño e xestión destes cartos fronte á 'tentación de recentralizar', afirmando que 'non podemos ser simples espectadores do que fagan os gobernos', pois iso é o que permite que os investimentos 'sexan realmente transformadores e favorezan a cohesión'.

Rueda sinalou que isto será 'o que pedirei que siga defendendo o Goberno de España' e que a nosa comunidade solicitará, cando remate o período de Galicia como responsable da delegación española no Comité Europeo das Rexións, unha reunión da Comisión Mixta de Congreso e Senado para que a defensa común do mantemento dos fondos e a súa xestión descentralizada 'siga quedando clara'.

PAC e Política Pesqueira Común

O presidente da Xunta participará esta tarde nun debate no Comité Europeo das Rexións para abordar a reforma do modelo de financiamento.

Rueda defenderá ante o comisario de Orzamento, Antifraude e Administración Pública, Piotr Serafin, a importancia de dotar de máis fondos ás axudas destinadas a dous dos motores da economía galega: o agro e o mar. O presidente da Xunta lembrará que Galicia é a primeira rexión pesqueira da Unión Europea e reclamará un fondo específico e suficiente para facer fronte aos retos que se lle presentan ao sector. Do mesmo xeito, tal e como trasladou onte ao comisario de Agricultura e Gandaría, demandará unha PAC forte, con fondos diferenciados, enfoque rexional e menos burocracia.

Na segunda xornada do titular da Xunta en Bruxelas, Rueda tamén celebrou un encontro coa delegación española do Comité Europeo das Rexións.

R., 2026-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES