Noticias

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia duplica o número de cursos, seminarios e prazas na oferta formativa 2023/2024

Foi presentada a oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade de prestixio na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) Neste ano vanse duplicar os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Actualmente unhas 13.000 persoas do sector TIC son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu este mediodía o acto de presentación da oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade “de prestixio” na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que -segundo Rivo- é “referente na creación de emprego de calidade coa conseguinte aportación de benestar aos galegos e galegas”. Para seguir nesa senda, puxo de relevo que se duplicarán os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Para materializalo, o orzamento case que se cuadriplicará, acadando os 2 millóns de euros.

Na súa intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha oportunidade nas TIC, “un sector cambiante, en constante evolución”, de relevancia internacional. Así, sinalou que “13.000 persoas do sector son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009”, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.

Para o período 2023/2024, Elena Rivo fixo fincapé en que se aumentará a variedade de propostas para dar resposta á formación requirida nas tecnoloxías máis demandadas “da man das empresas do sector”, para adaptarse ás necesidades en eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a intelixencia artificial. Engadiu que este labor está “avalado polos principais fabricantes tecnolóxicos”, que certifican as accións formativas, e altamente demandado polo sector, de aí o reforzo da proposta formativa para 2023/2024.

A maiores, cabe destacar outros programas formativos da Consellería, de interese arredor da capacitación dixital, como os convenios co clúster TIC Galicia, con arredor de 10.000 participantes entre 2022 e 2023 -a data de hoxe- e o contrato para a dixitalización de mulleres prioritariamente desempregadas e de municipios de menos de 30.000 habitantes, tamén con preto de 10.000 participantes a día de hoxe.

R., 2023-09-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES