Noticias

Medio cento de estudantes galegos deseñan o seu propio satélite no marco das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia

Preto de medio cento de estudantes de oito centros educativos galegos deseñaron o seu propio satélite a partir de materiais de refugallo. É a cuarta das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia promovida pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e que conta coa colaboración de numerosas empresas do sector, universidades e centros tecnolóxicos. Os equipos, integrados por seis alumnos e de diferentes ciclos da ESO, enfrontáronse a este reto de construír o seu propio satélite en Nigrán, nas instalacións da empresa UARX Space, que colabora con Airbus e a UVigo na celebración deste hackaton, que permitiu aos estudantes poñer en práctica as súas habilidades de deseño, enxeñaría e traballo en equipo.

Un xurado integrado por representantes de UARX Space, Airbus, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia foi o encargado de seleccionar os mellores proxectos de satélite. O equipo do colexio Ángel de la Guarda de Nigrán, que obtivo a primeira posición, foi premiado cunha visita ás instalacións de UARX Space e o nome do centro educativo e dos alumnos viaxará ao espazo nun satélite da empresa. Tamén foron galardoados o CPR Santa María de Tui e o CPR Compañía de María de Vigo como o segundo e terceiro mellor deseño de satélite, respectivamente.

As actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia percorreron estes días Lugo, Santiago de Compostela, Vigo e Nigrán e rematarán mañá cunha xornada divulgativa sobre o pasado, presente e futuro da exploración espacial, que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense. Durante a mesma, os participantes coñecerán como o espazo coida da Terra a través de charlas, talleres e exposicións nos que colaboran a Universidade de Vigo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto.

R., 2025-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES