
Neste sentido, máis do 95 % dos fogares contan con internet contratado e o 65 % dispoñen de velocidade de conexión superior aos 100 Mbps. As persoas que declaran usar internet son máis do 93 %. Tamén destaca o feito de que máis do 86% destas persoas empregan internet para facer trámites coas Administracións públicas. Este dato, correspondente á última enquisa de 2024, indica un crecemento de máis dun 1,5 % con respecto á enquisa anterior de 2023. Tamén é significativo o avance no número de persoas empregadas en empresas tecnolóxicas, que medrou un 2,3 % ata acadar as 23.467. Todos os datos do sistema de indicadores poden consultarse en www.osimga.gal/gl/cadro-de-mandos.
En 2024, o Observatorio analizou 975 indicadores procedentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como datos propios. Con esta información elaborou e publicou 42 informes, que tamén poden ser consultados na web www.osimga.gal. Máis de 3.000 persoas fan un seguimento permanente dos datos proporcionados polo OSIMGA a través dun boletín electrónico.
Ademais da posta en marcha do cadro de mandos, entre as principais novidades na actividade de OSIMGA en 2024 estiveron a edición dun informe sobre o uso do galego nas TIC, así como estudos temáticos sobre o uso das tecnoloxías por parte das persoas maiores de 64 anos; o uso das TIC na infancia e mocidade; ou unha análise específica sobre o uso de tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia.
Ademais da colaboración coas institucións oficiais de estatística, o OSIMGA mantén acordos con entidades como Red.es, Telefónica, a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, o Consello Galego das Mulleres, o Observatorio das Administracións Electrónicas das Comunidades Autónomas ou as universidades de Vigo e A Coruña, entre outras.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.