
Este informe sinala tamén que as importacións baixaron un 25,1 %, contraéndose tanto no sector TIC (-25,5%) como no dos contidos (-17,1 %). Deste xeito, o déficit comercial redúcese máis dun 85 % no último ano, ao pasar de case 77 millóns de euros a só 11 millóns en 2023.
O documento reflicte que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC superou por primeira vez os 2.000 millóns de euros, cun incremento do 10,3 % no último ano. O sector TIC achega máis de 1.800 millóns de euros (+9,5 %), mentres que o sector contidos medra un 15,5 %, cun avance significativo fronte a anos anteriores.
No que respecta ao número de empresas, Galicia conta xa con 4.098 entidades activas no Hipersector TIC, o 4,9 % do total estatal e o 1,7 % do total de empresas galegas. Estes datos consolidan á comunidade como quinta no ranking nacional. Segundo os datos do informe, no ano 2024 o sector alcanzou os 29.099 traballadores, cun aumento do 1,9 % respecto ao ano anterior.
Medra o emprego, especialmente no sector TIC e entre as mulleres
O sector TIC lidera o crecemento do emprego, acadando 23.467 postos de traballo en Galicia, o que supón un incremento do 2,3 %. Tamén o sector contidos permaneceu estable, cunha subida mínima (0,1 %) que lle permite chegar aos 5.632 traballadores.
Un ano máis, o sector destaca pola súa contribución á redución da fenda de xénero: o emprego feminino medrou un 2,5%, fronte ao 1,9% xeral, consolidando así unha tendencia que se mantén por cuarto ano consecutivo. As mulleres representan o 33,6% do total de traballadores do Hipersector TIC. Por sectores, a presenza feminina é do 31,1% no Sector TIC e do 44% no Sector Contidos.
Distribución territorial: A Coruña lidera o emprego TIC
A actividade do Hipersector TIC concéntrase nas provincias do eixe atlántico, con A Coruña e Pontevedra reunindo o 89,8% do emprego total. En particular, A Coruña mantense como a provincia con maior peso, representando o 62% do emprego no sector TIC, cun total de 14.412 traballadores e un crecemento do 5,4% respecto a 2023.
No sector contidos, o emprego mantense estable. Sobe lixeiramente en Lugo e Pontevedra, mentres que se reduce lixeiramente en A Coruña e Ourense. A provincia da Coruña concentra o 64,5% do emprego do sector contidos e, xunto con Pontevedra, agrupan o 87,6% dos postos de traballo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.