Notas de prensa

Publicados novos datos sobre a subsistencia paleolítica no xacemento de Cova Eirós, en Triacastela

Os estudos sobre as estratexias de subsistencia levadas a cabo polos grupos de cazadores-recolectores das Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior contan cunha nova achega procedente do emblemático xacemento de Cova Eirós (Triacastela, Lugo). Unha investigación liderada desde a USC e na que tamén participou a UVigo permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos mediante o emprego do ZooMS.

O ZooMS (Zooarchaeology by Mass Spectomety ou Zooarqueoloxía por Espectometría de Masas) é un método baseado na asignación de categorías taxonómicas en función da identificación de secuencias peptídicas no coláxeno que se conserva nos ósos dos animais e comparándoos con bibliotecas de secuencias de referencia. Este método permite polo tanto identificar aqueles restos óseos que polo seu elevado grao de fragmentación non poden ser identificados mediante anatomía comparada, a base de calquera estudo zooarqueolóxico ou paleontolóxico.

O traballo, publicado en acceso aberto na revista International Journal of Osteoarchaeology, presenta o resultado da aplicación deste novidoso método en 114 restos fáunicos que non puideron ser identificados mediante métodos tradicionais e comparándoos co estudo morfolóxico de máis de 8.000 restos fáunicos do xacemento. Isto permitiu demostrar unha maior diversidade na dieta cárnica dos grupos cazadores-recolectores da que se coñecía ata o momento, deixando patente que a maior intensidade no procesado dos herbívoros introduciu un sesgo na identificabilidade dos restos destes animais, dos cales hai unha maior cantidade de esquirlas óseas indeterminadas que doutros animais, coma os osos cavernarios.

Amplo equipo de traballo

O traballo está liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac) e nel participaron tamén os investigadores da Universidade de Vigo Iván Rey, do grupo Mapas Lab, adscrito ao Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, e Mikel Díaz Rodríguez, da Facultade de Historia, e integrante tamén do Cispac.

Así mesmo, contouse tamén coa participación de Samantha Brown (Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, Cenieh), Carlos Fernández Rodríguez (Universidad de León), Álvaro Ibáñez Encinas (USC-IPHES), Arturo de Lombera Hermida (Universidad de Oviedo-Cispac), Tania Mosquera Castro (USC-Cispac), Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (Universitat Rovira i Virgili-Instituto Catalán de Paleontoloxía Humana e Evolución Social, IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC-Cispac).

“Desde a Universidade de Vigo colaboramos na análise e interpretación dos conxuntos faunísticos do xacemento de Cova Eirós”, explica o investigador da UVigo, Iván Rey, quen engade que o seu labor foi contribuír á integración dos resultados obtidos mediante ZooMS co rexistro zooarqueolóxico previamente estudado, “o que permitiu afinar a identificación taxonómica de restos altamente fragmentados e mellorar a caracterización das estratexias de subsistencia dos grupos humanos”. Así mesmo, participouse tamén na discusión dos resultados desde unha perspectiva paleoecolóxica, contextualizando os novos datos dentro das dinámicas ambientais e de ocupación humana do Paleolítico no noroeste ibérico.

Financiamento do ministerio e a Xunta

Esta investigación forma parte do proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste Ibérico 2- Generación de Conocimiento 2022), financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e Feder Una manera de hacer Europa. As escavacións arqueolóxicas no xacemento de Cova Eirós contan con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES