
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, inagurou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea o segundo encontro do ecosistema de I+D+i en cuántica. Baixo o título Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica, o foro reuniu un cento de expertos e entidades relacionadas con este eido a nivel nacional e internacional, co obxectivo de fortalecer as colaboracións e posicionar Galicia como unha comunidade de referencia nestas tecnoloxías.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o potencial de Galicia neste ámbito: Aquí hai potencial, hai talento, hai infraestruturas e hai visión de futuro e enmarcouno na aposta que está a realizar Galicia desde 2021 no marco do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia e do Plan galego de investigación e innovación 2025-27, onde se define como unha iniciativa de alto impacto.
En concreto, a directora da Axencia fixo fincapé nos tres piares sobre os que se sustentan as fortalezas do noso ecosistema: a formación e atracción de talento, a través do apoio, por exemplo, ao Máster interuniversitario en ciencia e tecnoloxías de información cuántica, pioneiro en España; infraestruturas punteiras, como o Qmio, ordenador cuántico do Centro de Supercomputación de Galicia, a súa ampliación e os laboratorios do Vigo Quantum Communication Centre; e a investigación e innovación aplicada.
Ademais, subliñou tamén a importancia da colaboración entre os distintos axentes implicados nesta materia -universidades, centros de coñecemento, administración e empresas- para avanzar en coñecemento e desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e, finalmente, levar a cuántica do laboratorio ao mercado. Precisamente, un dos obxectivos deste encontro é dar a coñecer as capacidades do ecosistema e as oportunidades para as empresas neste campo. Para elo, celebrouse unha mesa redonda con representantes de empresas e hubs de innovación dixital para debater sobre as oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías ao tecido empresarial.
Máis alá disto, a Xunta de Galicia actualizou o Mapa de capacidades en tecnoloxías cuánticas de Galicia, que se presentara en decembro de 2024 no marco do primeiro foro nesta materia. Esta guía reúne a máis de 140 persoas que traballan na nosa Comunidade en ámbitos como a computación cuántica, as comunicacións cuánticas ou a sensórica cuántica, entre outros campos, así como as infraestruturas dispoñibles. O obxectivo é favorecer a colaboración e impulsar o crecemento do ecosistema galego de I+D+i en cuántica.
Mesas redondas do encontro
O encontro incluíu tamén outras dúas mesas redondas ao redor do desenvolvemento do talento e do fortalecemento das colaboracións e varias conferencias. Estas versaron sobre a revolución cuántica como unha oportunidade estratéxica, impartida por Lois Orosa, director científico do Cesga; o camiño da innovación en cuántica, de Valentín García, director de innovación de Lantik S.A. (sociedade de tecnoloxía e innovación da Deputación Foral de Bizkaia) e as colaboracións internacionais neste campo, impartida por Óscar Díez, xefe de sector de computación cuántica na Comisión Europea.
Esta xornada enmárcase no proxecto Quorum (Ecosistemas de innovación en cuántica), financiado por CDTI con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Liderado por Gradiant e coa participación de Fujitsu, a Axencia Galega de Innovación, Cesga, Fidesol Itecam, QCentroid e Qilimanjaro, aspira a crear unha contorna colaborativa para fomentar a innovación no campo cuántico en España e posicionar ao país á vangarda das tecnoloxías de futuro.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.