//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no Consello Asesor da Civil UAVs Initiative, no que asegurou que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector. Conde, que subliñou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa, agradeceu a súa implicación a todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que forman parte e apoian este polo pioneiro en España no eido da industria aeroespacial. Destacou, ademais, que se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento.
No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea. En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.
A Xunta lanza unha nova versión da aplicación PassCovid máis intuitiva e con novas funcionalidades. Así a app posibilita a autodeclaración de contactos para que as persoas que estiveran en contacto cun positivo poidan trasladar esta información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos. Outra das novidades é que se simplifica o acceso, evitando aos usuarios a obrigatoriedade de elixir entre usuario anónimo e identificado e, ademais, xa se está a activar progresivamente o rexistro en establecementos. Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron PassCovid, unha app para axudar ao coidarnos fronte á Covid e unha canle de contacto permanente entre as autoridades sanitarias e a poboación.
O proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros -cofinanciado con fondos Feder do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt)- e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.
A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra. Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021.
Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial. Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino.
A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas. O primeiro destes eixos céntrase no Goberno e Administración Intelixente para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.
Celebrouse na Fundación CEL en Lugo o acto de presentación dos proxectos seleccionados na terceira edición da BFAero, unha nova convocatoria que se abre ao exterior e confirma o interese que esperta esta aceleradora aeronáutica, xa que catro dos sete proxectos que participarán son de fóra de Galicia. 'A nova edición achega unha imaxe clara dun Polo Aeroespacial aberto a novas iniciativas que pretenden non só reter, senón tamén captar talento', explicou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación Ciencia Singular, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición. Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global.
O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste aumento é que se produce nos concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020 a contratación de internet nos municipios de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7%, máis do dobre que a media de Galicia. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020.
Un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) acaba de facerse co terceiro posto na competición internacional IEEE FLAME Technical Challenge 2024. Este certame, promovido e organizado pola prestixiosa sociedade científica IEEE Computational Intelligence Society, busca ideas innovadoras que exploren novas estratexias para combinar modelos de linguaxe de gran tamaño (como os utilizados en ferramentas de IA xerativa ou LLMs, polas súas siglas en inglés) con técnicas avanzadas de intelixencia computacional.
Os investigadores do grupo de Enxeñaría Supramolecular (SUPREN) do CICA, Iago Neira, Marcos García e Carlos Peinador, participaron nun estudo liderado polo profesor Alberto Credi, da Universidade de Bolonia (Italia), que acaba de ser publicado na revista científica Chem. Este proxecto é o resultado dunha colaboración entre os Departamentos de Química Industrial Toso Montanari, Química Ciamician e Ciencia e Tecnoloxía Agraria e dos Alimentos de Alma Mater, A Universidade da Coruña e o Instituto Isof-Cnr en Bolonia.
Foi a inquedanza do alumnado do grao e do mestrado de Enxeñaría Biomédica o que puxo a rodar a idea e, co apoio da Escola de Enxeñería Industrial, o Sergas e o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud, as I Jornadas de Ingeniería Biomédica son xa unha realidade. Esta cita coa innovación e a tecnoloxía ao servizo da saúde será entre o 10 e o 14 de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial, coincidindo coa celebración das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial.
O Proxecto Nós, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e desde 2023 financiado a través de fondos PERTE-Next Generation, está a levar a cabo unha recollida de datos de voz en galego a través da plataforma Common Voice e as persoas responsables queren facer un chamamento ao estudantado para que contribúa co proxecto a cambio de créditos optativos.
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas, está a traballar na procura dun tratamento personalizado para os pacientes que presentan vertixe persistente. O proxecto coordínao Alberto Pérez Muñuzuri, xunto a Ismael Arán Tapia, ambos os dous da Facultade de Física da Universidade de Santiago.
A Domus acolleu a XV edición da Reunión de Mozos Investigador@s no Estranxeiro (IYI Meeting), xornada organizada pola Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), que serviu como punto de encontro para o persoal científico que está a desenvolver a súa carreira investigadora en países de todo o mundo.
Un equipo de investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña logrou un importante avance no estudo da evolución dos sistemas planetarios. Utilizando os datos da misión espacial Gaia e avanzadas técnicas de IA, identificaron trazas de metais nas atmosferas de ananas brancas, estrelas mortas tras quedarse sen hidróxeno que fusionar.
O CITIC da Universidade da Coruña acolleu unha nova sesión do ciclo formativo HumanIA, titulada: 'Intelixencia artificial e transformación do emprego tradicional: retos e oportunidades' e impartida por Virginia Carcedo Illera. Virginia Carcedo, destacada experta en inclusión social e transformación laboral, centrou a súa intervención en como as tecnoloxías de intelixencia artificial xenerativa están a transformar as posibilidades de integración laboral e social para persoas con discapacidade.
Persoal do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) impulsado polas tres universidades galegas, está a participar no proxecto europeo CytoMARK, que busca o desenvolvemento dun test de diagnóstico personalizado e non invasivo de cancro de endometrio. Obter un proceso de cribado rigoroso e rápido evitaría que as pacientes se someteran ás actuais probas médicas.
O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo amplía as súas capacidades converténdose en operadora de drons autorizada pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). Esta autorización, acadada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, permitiralle 'desempeñar un rol destacado no desenvolvemento e a expansión de actividades de investigación e transferencia con vehículos aéreos non tripulados'.