A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde no evento online de peche do proxecto Galician Skyway, no que a Xunta e a empresa Boeing Research & Technology Europe (BR&T-E) colaboraron no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. No evento interviñeron tamén representantes de Boeing como das distintas empresas e centros subcontratados para explicar os resultados técnicos.
Argerey destacou o carácter estratéxico e pioneiro deste proxecto para a industria aeroespacial galega e agradeceu a BR&T-E a súa contribución ao posicionamento de Galicia como referente a nivel internacional no ámbito dos vehículos non tripulados. A directora de Gain identificou a Boeing como un dos principais socios da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia e apuntou que este proxecto marcará "un antes e un despois" no sector aeroespacial.
O proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros -cofinanciado con fondos Feder do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt)- e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.
Este proxecto incluíu o desenvolvemento de solucións a situacións clave no ámbito da xestión e seguridade do tráfico aéreo como a perda dos enlaces de comunicación coa estación base (Loss of Link); a incapacidade de detectar e evitar colisións (Loss of Separation); a perda de sinal procedente das infraestruturas de axuda á navegación e posicionamento (Loss of GPS); a perda de impulso do motor (Loss of Engine); a perda de enerxía (Loss of Power); e a perda de control sobre o vehículo non tripulado (UAV) por actos de interferencias (Loss of Ownership).
Resultados acadados
As solucións desenvolvidas considéranse de gran relevancia para todo o sector aeroespacial porque se poderán implementar no futuro en calquera aeronave non tripulada ou sistema para a súa xestión e a resolución dos retos plantexados é clave para que o segmento dos UAV poida despegar de maneira definitiva.
Entre os fitos acadados polo proxecto Galician Skyway cómpre destacar a instalación en Rozas dun laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que supón unha importante contribución ao equipamento do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e que fortalece a súa competitividade como infraestrutura científico-tecnolóxica para a I+D+i no ámbito dos UAV.
Neste laboratorio despregouse unha infraestrutura de simulación para a realización de probas de diferentes solucións de Detect and Avoid (Detectar e evitar). Tamén se levou a cabo o primeiro desenvolvemento dun sistema de continxencias para UAV totalmente autónomo en voo que permite avaliar as alertas identificadas polos diferentes sistemas de continxencias de abordo e tomar a decisión máis adecuada segundo os criterios adoptados en cada caso seguindo diferentes requisitos de seguridade, operacionais ou de misión.
Así mesmo, desenvolveuse un sistema de navegación alternativo á navegación convencional con sinais GNSS (Global Navigation Satellite System); desenvolveuse unha infraestrutura HW/SW experimental facilmente adaptable a calquera dron que permite a toma simultánea e sincronizada de imaxes capturadas desde diferentes sensores de visión e sensores inerciais con alto grao de sincronización; propuxéronse para patente unha serie de ideas novas para a prevención e mitigación do risco ante unha continxencia que implique un descenso incontrolado, así como un protocolo de actuación; desenvolveuse unha metodoloxía de cálculo de traxectorias seguras para a aterraxe de emerxencia en UAV de á fixa en caso de perda de motor; e implementouse unha nova solución ao problema da perda de comunicacións durante o voo que implica a integración de diferentes equipos embarcados e en terra.
Tamén se desenvolveu un sistema de sincronización de mensaxes entre o UAV e a estación de terra, que permite coñecer en todo momento a calidade do sinal e replicar a toma de decisións da aeronave en terra baixo diferentes circunstancias de continxencia, acoutando en todo momento a incerteza.
Por último, definiuse unha nova interface cun sistema de control de tráfico proporcionado por Enaire, entidade pública empresarial que xestiona a navegación aérea en España, para proporcionar datos de continxencia en voo aos controladores, por exemplo a traxectoria prevista e a incerteza asociada, e permitir así que estes poidan tomar mellores decisións á hora de coordinar o tráfico circundante en caso de posibles continxencias en voo de UAV e desenvolvéronse técnicas de detección de ciberataque na rede de comunicacións dos UAV. Durante os meses de xuño e xullo leváronse a cabo voos de ensaio coas plataformas do Inta nas instalacións do CIAR (aeródromo de Rozas, Lugo).
Ademais, Boeing desenvolveu no marco da colaboración coa Xunta, numerosas actividades e colaboracións no ámbito educativo orientadas ao fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, como a Aula Newton, os Dron Days e un acordo coa Universidade de Vigo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.