Noticias

O programa Girl Stem entrevista a Amparo Alonso Betanzos, investigadora en proxectos de computación e intelixencia artificial

Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial. Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino”.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Amparo Alonso Betanzos en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Amparo Alonso Betanzos

Amparo Alonso Betanzos, nada en Vigo, é una Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial. É catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de informática da Universidade da Coruña. Tamén desenvolve labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.

O próximo xoves 10 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a última conversa desta edición, protagonizada pola referente Susana Martínez-Conde, neurocientífica e profesora da Universidade de Nova York, que será entrevistada por Mª José Malmierca, coordinadora de e-learning no CESGA..

R., 2020-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES