Notas de prensa

Virginia Carcedo analiza o impacto da IA na inclusión laboral

O CITIC da Universidade da Coruña acolleu unha nova sesión do ciclo formativo HumanIA, titulada: 'Intelixencia artificial e transformación do emprego tradicional: retos e oportunidades' e impartida por Virginia Carcedo Illera. Virginia Carcedo, destacada experta en inclusión social e transformación laboral, centrou a súa intervención en como as tecnoloxías de intelixencia artificial xenerativa están a transformar as posibilidades de integración laboral e social para persoas con discapacidade.

Durante a súa exposición subliñou a importancia de deseñar tecnoloxías inclusivas desde a súa concepción, abordando os retos éticos e as oportunidades asociadas a estas ferramentas.

Virginia Carcedo definiu 5 etapas de evolución desta tecnoloxía. Empezando polos chatbots que empregan IA con linguaxe conversacional, ata chegar ao último chanzo, que será cando poidan desenvolver o traballo dunha organización. A partir dunha explicación sobre a situación actual da aplicación da IA no mercado laboral, realizou unha aproximación ás ferramentas dispoñibles actualmente, como ChatGPT; Gemini ou Claude.

Un dos puntos centrais da charla foi a reflexión sobre as barreiras actuais que enfrontan as persoas no seu acceso á información e ás contornas dixitais. Neste contexto, Carcedo destacou o potencial da IA xenerativa para superar estas dificultades mediante solucións personalizadas que promovan a equidade. Entre os exemplos presentados, mencionou a xeración de subtítulos automáticos, interfaces conversacionais accesibles e ferramentas de apoio á aprendizaxe, que xa están a marcar unha diferenza significativa no día a día de moitas persoas. Durante a súa intervención mostrou o funcionamento de axentes conversacionais como NotebookML, que axuda a extraer ideas e información de documentos, ligazóns, ou gravacións; ou GenFM, de IIElevenLabs, que permite a creación de podcast.

Para finalizar, presentou o proxecto Tándem, que desenvolve a Fundación ONCE co apoio do SEPE dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Desenvolveron un programa de capacitación en ferramentas de intelixencia artificial pensado para persoas con discapacidade. “Debemos ter claro que a intelixencia artificial debe utilizarse para o ben social”, afirmou Carcedo durante a súa intervención.

HumanIA 2024-2025: unha ponte entre humanidades e tecnoloxía

A charla forma parte do ciclo formativo HumanIA 2024-2025, un programa deseñado para analizar como as tecnoloxías emerxentes están a transformar a sociedade e o mercado laboral. Organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co CITIC, este ciclo busca tender pontes entre as humanidades e o ámbito tecnolóxico, fomentando un diálogo interdisciplinar.

Desde o seu inicio, HumanIA reuniu a profesionais de diversos campos para abordar cuestións clave relacionadas co futuro do emprego, a ética dixital e a transformación social.

Sobre Virginia Carcedo

Virginia Carcedo, licenciada en Dereito e especialista en xestión directiva, é unha figura de referencia no ámbito da inclusión laboral e social. Actualmente desempeña o cargo de secretaria xeral e directora de Transformación, Excelencia e Igualdade na Fundación ONCE, ademais de liderar Inserta Emprego. Ao longo da súa traxectoria, liderou proxectos innovadores que combinan o uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial co obxectivo de impulsar o emprego inclusivo.

Entre as súas contribucións máis destacadas atópanse iniciativas como Portalento Lattam e a súa participación en órganos directivos de entidades como Grupo ILUNION e REDI. En 2023, o seu compromiso coa igualdade de oportunidades valeulle o premio Women in Retail pola inclusión, consolidándoa como unha referente na intersección entre tecnoloxía, inclusión e transformación social.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-12-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES