
Estes metais, que non poden ser primordiais nin xerarse na anana branca a posteriori, atopan nos restos de planetas destruídos os seus hóspedes máis probables de acordo cos modelos e teorías máis actuais. Así, este achado revela a presenza de rastros de planetas que unha vez orbitaron estas estrelas e que foron destruídos cando a estrela esgotou o seu combustible nuclear.
Este estudo, publicado recentemente en The Astrophysical Journal, foi desenvolvido por Xabier Pérez Couto, Lara Pallas Quintela, Minia Manteiga e Carlos Dafonte, do CITIC, en colaboración con Eva Villaver Sobrino, investigadora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
O descubrimento de metais como calcio, magnesio e sodio nas atmosferas das ananas brancas é significativo, xa que estes elementos non deberían estar presentes debido á intensa gravidade que exerce o núcleo da estrela. A existencia destes metais suxire que foron absorbidos a posteriori de planetas e asteroides que se desintegraron cando a estrela alcanzou a súa fase final.
IA para identificar estrelas
O equipo utilizou un algoritmo de intelixencia artificial denominado "mapas autoorganizados" para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Grazas a esta técnica, foron capaces de identificar 143 novas candidatas a ananas brancas metálicas que ata o de agora non foran catalogadas.
Este traballo marca o inicio dunha nova fase de investigación, xa que o equipo do CITIC ten previsto realizar observacións adicionais utilizando telescopios de maior resolución desde a Terra para confirmar a presenza destes metais, pois calcular as súas abundancias permitirá coñecer con detalle a composición dos planetas que orbitaban estas estrelas.
O estudo publicado en The Astrophysical Journal abre novas posibilidades para entender como os sistemas planetarios evolucionan e desaparecen, proporcionando unha valiosa xanela ao pasado da Vía Láctea. Ademais, demostra a potencia da intelixencia artificial aplicada á astronomía, ofrecendo unha ferramenta poderosa para procesar grandes volumes de datos e descubrir obxectos astronómicos aínda non catalogados.
Para máis información, o artigo completo está dispoñible aquí.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover "unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora".
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.