
Durante toda esta semana, a Sala José Sellier acolle o ciclo María Aparicio: filmar o traballo, o traballo de filmar, que ofrece tres longametraxes e outras tantas curtas desta directora, considerada unha das voces máis relevantes do novo cinema arxentino. A cineasta presentará a sesión inaugural, que terá lugar mañá martes ás 20,30 h. arredor dos seus títulos máis recentes, Tres caminos e Las cosas indefinidas, e participará nun coloquio co público moderado polo cineasta galego Santos Díaz.
Este especial continúa o xoves 6 con Las calles filme polo que recibiu o premio á Mellor Directora Latinoamericana no Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente e as curtas Hombre bajo la lluvia e Buscar trabajo, para rematar o venres 7 con Sobre las nubes. Ofrecerase, pois, un completo percorrido pola súa obra, que explora a relación entre a creación e o mundo laboral, desde as tarefas manuais ata o traballo intelectual, cunha posta en escena austera e precisa.
A outra gran protagonista de novembro é Lucía Seles, considerada unha das creadoras máis orixinais do cinema en lingua hispana. Nacida en Bos Aires, a súa obra destaca pola rapidez produtiva e pola relación entre a palabra escrita e a imaxe, nun estilo libre e imprevisible que converte cada proxección nunha experiencia performativa. O ciclo + fragments x los q vivir, que se desenvolverá entre os días 25 e 29 coa presenza da cineasta nas cinco sesións programadas, presentará por primeira vez en Galicia unha ampla mostra da súa filmografía recente con filmes como Smog en tu corazón, Terminal young ou The urgency of death, onde Seles combina humor absurdo, autoficción e un expresionismo fragmentario que rompe as convencións narrativas.
Estrea mundial de Gallega invernal
Como peche do ciclo, a cinemateca da Xunta acollerá o 29 deste mes a estrea mundial do seu último traballo, Gallega invernal, rodado na Coruña e con escenario central na cafetería Manhattan, convertida nun singular punto de encontro entre realidade e ficción. A sesión inclúe tamén Avenida Sáenz 1073.
E aínda coa ollada posta no cine arxentino, o día 12 o director do Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente, Javier Porta Fouz, presentará na Filmoteca a versión restaurada de Nueve reinas, de Fabián Bielinsky, película que anticipou a crise do corralito e se converteu nun éxito mundial.
Aniversario de Cinema en Curso
Tamén a semana que vén, o día 11 arrancará o ciclo Compartir o cinema: 20 anos de Cinema en Curso para conmemorar dúas décadas deste programa educativo da Xunta. Faino cun coloquio cos cineastas Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos López e Ángel Santos antes da proxección de Innisfree, de José Luis Guerin.
Entre o 13 e o 22 de novembro, a Filmoteca acollerá nove sesións do Cormorán Film Fest, con títulos presentados este ano en Cannes como Un poeta, de Simón Mesa Soto; El amor que permanece, de Hlynur Pálmason, ou The Golden Spurtle, de Constantine Costi, ademais de dúas sesións de curtas e outros filmes internacionais.
Prográmanse tamén dúas novas sesións dedicadas ao arquivo da produtora coruñesa Espello Vídeo Cine, ambas con presentación e coloquio. O día 7 César Muíño, quen fora director do Festival de Ortigueira na década dos 80, introducirá o programa 19821986: tradición e folclore, mentres que o 18 Manuel Abad e Gonzalo Vázquez Pozo comentarán o histórico documental A aventura do Arosa I.
A presenza galega complétase coas presentacións da sección Off Galicia, que o día 5 ofrece A Contraarmada, de Simón Casal, e o 21 as curtas Resonancias, de Diana Gonçalves, e Tão Pequeninas, Tinham o Ar de Serem Já Crescidas, de Tânia Dinis.
A cinemateca galega mantén a súa colaboración coa Asociación Amigos de la Ópera, que volve integrar o cinema na Temporada Lírica da Coruña cos pases de Carmen de Bizet (día 6), Deseando amar (día 13) e Annette (día 20). E tamén o público familiar terá o seu espazo na carteleira mensual cun novo pase de Fimoteca Jr. o día 8.
Ademais, este mes chega á súa fin a retrospectiva do francés Maurice Pialat coas súas Crónicas turcas o día 4 e a serie La casa del bosque, repartida en catro sesións os días 5, 12, 19 e 26, mentres que arranca Kiyoshi Kurosawa: a vinganza da soidade coa proxección de Cloud os días 27 e 29, primeiro dos títulos do ciclo dedicado a este mestre do cinema de terror que se estenderá durante o mes que vén en colaboración coa Fundación Xapón.
Tivo lugar a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. Os premiados foron as compostelás Creativas Galegas (Premio Comercio Galego), polo seu Mercado Galego da Creatividade, a lucense Panadería Pallares (Premio Comercio Traxectoria), coa quinta xeración familiar ao cargo, Amoras (Premio Comercio Emprende), polos seus orixinais proxectos comerciais, e Viveiro Centro Comercial Histórico (Premio Comercio Dinamización) pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes.
A Estratexia da Economía Azul de Galicia cumpre o seu primeiro ano consolidando á comunidade como referente internacional en sustentabilidade e innovación mariña, ao garantir que o mar siga sendo motor de crecemento económico, protección ambiental e benestar social para as vindeiras xeracións. Esta Estratexia , elaborada xunto á comunidade científica, entidades públicas e privadas e a cidadanía, está composta por 40 medidas que nacen do diálogo e do consenso con máis de 200 axentes implicados, e que se sustentan en tres piares fundamentais: sostibilidade, innovación e cooperación.