Notas de prensa

O centenario da mecánica cuántica protagoniza a oitava Semana da Ciencia do IGFAE

Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.

Esta oitava edición desenvolverase do 8 ao 14 de novembro, datas nas que se enmarca un amplo programa. O sábado 8 dará comezo a Semana da Ciencia con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas organizada por CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS, os cinco centros da USC que forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia.

Antía Lamas Liñares

O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional. Terá lugar o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Rúa das Galeras, s/n). Na súa charla, ‘A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría’, abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.

Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un máster en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora.

Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha startup singapurense centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon.

Espectáculo de maxia ‘A baralla cuántica’

Antes da conferencia de Antía Lamas, ás 19.00 horas, a mesma Casa das Máquinas acollerá ‘A baralla cuántica: percepción, información e realidade’. Neste espectáculo, o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur únense, coa axuda do ilusionismo, para representar a perplexidade e confusión que supuxo o desenvolvemento das teorías da mecánica cuántica sobre a nosa percepción e coñecemento.

Concerto de Sumrrá: ‘7 Visións’ e ‘O zoom cuántico’

A 8ª Semana da Ciencia do IGFAE tamén se achegará á música da man de Sumrrá, unha das bandas de jazz máis recoñecidas en Galicia, que este ano celebra o seu 25º aniversario. O mércores 12 de novembro (20.00 horas, auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea), o grupo mergullarase na física cun concerto no que se estreará unha peza inédita inspirada na física cuántica. Trátase dunha iniciativa do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE, co apoio do CGAC.

O repertorio deste recital estará centrado no álbum ‘7 visións’, publicado por Sumrrá en 2021, no que o grupo compostelán asumiu o exercicio inspirador de “coller perspectiva e replantexarse a través da música a nosa propia existencia”, explican. Xunto as pezas deste álbum, o grupo estreará A oitava visión. O zoom cuántico, unha composición inédita que “xoga coa idea de transicion dende a física clásica ata a revolucion cuántica, e de como a visión da mesma realidade pode mudar dependendo da posición, proximidade, atencion ou tecnoloxía”, expón o trío.

Wikimaratón de Física de Partículas, NerdNite e obradoiro de danza contemporánea

Ademais de iniciativas como a xa clásica NerdNite (xoves 13 de novembro, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán), a recta final da Semana da Ciencia inclúe novas iniciativas que pretenden achegarse a novos públicos, como unha Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13 de novembro, 15.30 horas, na sede do IGFAE) e un obradoiro sobre física cuántica e danza contemporánea (venres 14 de novembro, 17.00 horas, CGAC).

A primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas terá o obxectivo de crear contido na Wikipedia en galego relacionado coas áreas de investigación do IGFAE. A actividade está dirixida ao persoal do IGFAE, e aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns e calquera persoa con interese pola física de partículas. A inscrición pode realizarse nesta ligazón.

A NerdNite achegarase á cuántica deste diversas perspectivas, como os reloxos cuánticos, a supercondutividade ou a influencia dos raios cósmicos na computación cuántica, da man, respectivamente, de Angel Paredes Galán (IFCAE-Universidade de Vigo), Jesús Mosqueira Rey (Grupo de Materiais Cuánticos e Fotónica da USC), e Carolina Filgueira Rama (IGFAE).

A Semana da Ciencia pecharase cun novo obradoiro que entretece a física cuántica e a danza contemporánea, coordinado polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas. Nel, exploraranse principios como a superposición, a incerteza, o entrelazamiento e a observación, e o seu papel á hora de inspirar novas formas de creación e movemento. Deste xeito, o taller convida a artistas, bailaríns e curiosos a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica. A inscrición na actividade, limitada a 25 participantes, abrirase proximamente.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES