Notas de prensa

Persoal investigador da UVigo lidera un proxecto co que se busca facer fronte á fármaco resistencia

A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é o obxectivo do proxecto Preres, Predicting protein evolutionary trajectories toward resistance against antiretroviral treatments.

Trátase dun proxecto posdoutoral (en galego, Predición das traxectorias evolutivas das proteínas cara á resistencia aos tratamentos antirretrovirais) que conta co apoio do programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions, sendo a Universidade de Vigo a única institución beneficiaria cun orzamento de 181.150 euros.

Liderado por Valeria Zoni, investigadora do grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e coa supervisión do investigador Miguel Arenas, o proxecto pretende acadar un pioneiro método preditivo que aproveite a evolución molecular e a bioloxía computacional para predicir a evolución de dianas farmacolóxicas do VIH-1 e mellorar así a selección de terapias. Arrancaron o pasado mes de setembro e por diante quédanlle dous anos de intenso traballo.

Predición da resistencia aos tratamentos antirretrovirais

O obxectivo principal de Preres é aplicar técnicas de evolución molecular e bioloxía estrutural computacional para avaliar as traxectorias evolutivas das proteínas diana de fármacos do VIH-1 que conducen á resistencia contra os tratamentos antirretrovirais habituais. “Esta investigación ten o potencial de mellorar a selección de terapias para patóxenos ao proporcionar ferramentas preditivas que teñan en conta a dinámica evolutiva molecular destes microorganismos”, explica a investigadora responsable do proxecto, quen tamén subliña que os resultados poderían supoñer avances no campo da evolución molecular, pois “esta metodoloxía tamén podería aplicarse ao estado evolutivo doutros patóxenos”.

Rozando os 200.000 euros, trátase dun proxecto con financiamento europeo altamente competitivo. “É moi satisfactorio saber que a nosa proposta foi avaliada de maneira tan positiva e seleccionada para recibir este apoio”, comenta o persoal investigador do grupo CME do CINBIO, pertencente á rede Cigus. Segundo Valeria Zoni, “esta investigación podería axudar a facer fronte á fármaco resistencia, o que sería un avance substancial nos estudos de evolución molecular”. “Para min é un privilexio formar parte desta proposta, pois a Unión Europea tamén promove numerosas iniciativas de formación e apoio destinadas a fortalecer o desenvolvemento profesional de investigadores financiados con fondos europeos”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES