
De feito, a comunidade xa supera hoxe, dous meses antes do previsto, as 90.000 persoas dependentes atendidas, unha meta que se fixara inicialmente para finais de ano. Segundo sinalou Rueda, isto é posible en gran parte grazas ao Plan de choque activado pola Xunta que corre o risco certo de paralización logo do recurso presentado ante o Constitucional polo Goberno central.
O presidente autonómico indicou que o diñeiro que recibe Galicia é parte do financiamento que se vai dedicar ao sistema de dependencia en Galicia, en total 844 millóns de euros e que os 52 millóns de euros nin moito menos chega ás cifras que por lei terían que achegar o Goberno central. Así, a pesar da sinatura deste convenio para o nivel acordado, o Goberno central está moi lonxe de achegar o 50% de financiamento do custo dos servizos e prestacións da dependencia a que está obrigado por lei, e a débeda acumulada con Galicia nesta materia a finais de 2026 sería de case 3.000 millóns de euros.
Ademais, o Executivo galego insiste na necesidade de revisar os criterios de distribución dos fondos, xa que os actuais non teñen en conta a elevada taxa de envellecemento que ten Galicia ou a súa dispersión xeográfica, aspectos que provocan un incremento dos gastos superior á media. Neste sentido, o Goberno autonómico reitera a necesidade de abordar o déficit estrutural que ten o financiamento da dependencia. A Xunta tamén lamenta as trabas que o Goberno de España está a poñer neste ámbito ao recorrer ante o Tribunal Constitucional contra a homologación automática da discapacidade a persoas con dependencia, unha medida da que desde o pasado mes de xaneiro xa se beneficiaron máis de 10.300 persoas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.