Noticias

'Ciencia singular' sen moverse da casa

A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición. Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”.

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise). En só oito anos o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais, tal e como se poderá comprobar na cuarta edición de ‘Ciencia Singular’. Charlas en streaming, un tour virtual ou experimentos científicos pensados para os máis pequenos serán algunhas das actividades que nutrirán a xornada.

Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía, Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Bioinformática, Nanomedicina ou Desenvolvemento de Fármacos. O CiMUS tamén tomará parte nesta xornada en liña de divulgación científica con visitas virtuais, demostracións en laboratorios con microscopios de última xeración ou charlas divulgativas.

Tecnoloxías Intelixentes

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que integren a Intelixencia Artificial (IA) nos diferentes niveis existentes entre o mundo físico e o cognitivo. O obxectivo é tirar proveito das potencialidades da IA na resolución de problemas cada vez máis complexos e poñela ao servizo das persoas, garantindo a transparencia e a confiabilidade. Entre as súas múltiples aplicacións, tal e como se poderá comprobar en ‘Ciencia Singular’, figuran eidos como a saúde, a industria, o transporte ou as cidades intelixentes. Nesta primeira edición virtual, o CiTIUS propón un innovador formato de visita ao Centro a través dun evento en directo en Youtube conducido por un recoñecido divulgador científico.

Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu”. Dende a súa fundación, colabora en grandes infraestruturas internacionais como CERN. O IGFAE organizou para esta xornada un programa de relatorios virtuais que cobren as tres áreas estratéxicas nas que o instituto divide a súa investigación: o Modelo Estándar ata os límites, Partículas cósmicas e física fundamental e Física nuclear dende o laboratorio para mellorar a saúde das persoas. Os relatorios serán emitidos pola canle de Youtube do IGFAE, en cuxo chat o público poderá participar en directo coas súas preguntas.

R., 2020-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES