
A xornada contou coa participación do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, quen destacou o potencial investigador da UDC, con equipos que veñen de acadar importantes proxectos, moitos deles adscritos a algún dos tres centros de investigación da Universidade da Coruña integrados na Rede CIGUS.
Por parte da UDC tamén participou o director da Oficina de Captación de Persoal Investigador, José Mahía, quen presentou as políticas de captación de talento postas en marcha pola universidade coruñesa para atraer persoal investigador.
Ao longo da xornada, 20 investigadores expuxeron os proxectos que están a levar a cabo en universidades e centros punteiros de todo o mundo, tales como a Universidades de Harvard, Yale, Stanford, ou o MIT, en diferentes áreas científicas, desde a Xenética ou Neuroloxía ata as Ciencias Ambientais, a Astrofísica e a Bioloxía.
Tal e como detallou Mahía na súa presentación en Galicia somos capaces de formar a científicos de moi alto nivel, o que permite xerar moito talento que as veces é difícil de absorber. Se ben a mobilidade e a internacionalización son parte da formación actual destes grandes profesionais, é necesario que existan mecanismos que fagan de Galicia un polo de captación sustentado sobre tres piares: atracción, retención e retorno do talento.
Oficina de apoio e convocatorias de axuda
Desde 2016, a Universidade da Coruña conta co programa BERCE -siglas de Benvida, Estabilización e Retorno da Ciencia Excelente- como motor da súa estratexia centrada non talento. A través del, ofrece apoio personalizado para buscar a convocatoria de financiamento da carreira investigadora que mellor se adapta ás características, necesidades e expectativas de cada persoa, para que poida desenvolver o seu proxecto e estabilizarse na UDC mediante un proceso competitivo.
Entre as convocatorias máis relevantes a nivel nacional atópase o programa de axudas Ramón y Cajal, dirixido a fomentar a incorporación de persoal investigador -tanto español como estranxeiro- cunha traxectoria destacada, para que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable. Tamén destacan o programa de Axudas Beatriz Galindo, centrado na atracción de talento investigador que estea a desenvolver a súa carreira profesional no estranxeiro; e o programa ATRAE, destinado a facilitar a incorporación de talento investigador de recoñecido prestixio internacional que desenvolvese un período relevante da súa actividade profesional no estranxeiro.
No plano internacional sobresaen as convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC), o programa de investigación máis importante de Europa.
O labor desenvolvido por BERCE está a dar moi bos resultados e incrementando o número de beneficiarios destes programas na Universidade da Coruña, que xa conta con 35 adxudicatarios das axudas Ramón y Cajal e 4 proxectos do ERC. Ademais, a UDC, no seu compromiso coa captación de talento, ten un acordo con Inditex para desenvolver un programa propio, InTalent, para ofrecer mellores condicións aos persoal investigador que se incorpora á universidade.
Iniciativas que se suman á posta en marcha pola Xunta de Galicia co programa Oportunius, dirixido a xerar oportunidades ao persoal investigador excelente que queira desenvolver a súa carreira científica en Galicia, facilitar a súa estabilización e ofrecer condicións atractivas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.