
Foi o seu decano, Jesús López Romalde, quen interveu na cerimonia en representación dos cinco centros convencido do rol estratéxico que as nosas facultades desempeñan nunha sociedade na que o coñecemento científico sustenta o funcionamento diario e o avance en tecnoloxía, sanidade e benestar.
Os cinco centros reúnen hoxe arredor de 3.500 estudantes de grao e mestrado, aproximadamente un 15% do estudantado total da USC. Imparten 7 graos, 4 dobres graos e 18 mestrados -once deles en colaboración con outras universidades- e son quen nutren o 46% dos artigos en revistas JCR e o 20% das teses defendidas cada ano. Ademais, segundo o ranking Stanford de persoal investigador máis citado do mundo, dos 59 nomes da USC incluídos, o 36% cinco entre os dez primeiros pertencen a estas cinco facultades.
A ciencia -dixo o decano de Bioloxía- ten sentido cando serve ás persoas, cando contribúe á construción dunha sociedade máis xusta e desenvolvida. Por iso é tan importante a transferencia de coñecemento. Porque, sentenciou, a ciencia que se comparte é a que realmente transforma.
Romalde exhortou aos decanos e decanos alí presentes a abrir portas, construír espazos de divulgación e participación e facer da ciencia un valor cotián para a cidadanía e un referente para as novas xeracións. Porque, afirmou, cando unha sociedade valora a ciencia, é moito máis difícil que se recorte nela. Por iso, crear cultura científica é tamén un acto de defensa da educación e da investigación pública.
A defensa da Universidade pública e do seu papel relevante como motor social e de cambio foi o eixo sobre o que pivotou o discurso do decano de Bioloxía: É a que garante a igualdade de oportunidades, a que democratizan o acceso ao coñecemento e a que sostén a investigación no noso país. Sen ela, a ciencia, a cultura e o progreso serían privilexios, non dereitos, sentenciou.
Entrega de premios
Amenizada coa música de Denís Iglesias Montes, as profesoras Sabela Balboa Méndez e Patricia Sanmartín Sánchez pronunciaron ademais na cerimonia a conferencia Ciencia viva na Cidade de pedra e tamén interveu Carolina Balado Puentes en nome do estudantado.
No acto tivo lugar tamén a entrega de premios da décimo segunda edición do concurso fotográfico A Ciencia en Imaxe, organizado polas cinco facultades e a Real Academia Galega de Ciencias. Este ano, a gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi para M. Carmen Yebra Biurrun e o segundo, de 100 euros, para Pablo Falgueras Casarejos.
O xurado do certame, con temática aberta a calquera contido relacionado coas Ciencias, estivo formado por Manuel Freire Rama, da RAGC; Raúl de la Fuente Carballo, da Facultade de Física; Luis Alberto García Suárez, de Química; Enrique Manuel Cabaleiro Lago, de Ciencias; Antonio García Rodicio, de Matemáticas; e Otilia Reyes Ferreira, de Bioloxía.
Ademais, fíxose entrega dos premios do concurso de artigos en galego para a segunda edición do boletín Xermolos de Ciencia. O primeiro premio na sección Novidades e Actividades recaeu en Carme Pacín polo traballo Un estudo aborda os potenciais elementos tóxicos das algas pardas na costa galega ao longo de tres décadas e o segundo a Roberto Mourente por Comportamento xerminativo postincendio de especies de matogueira.
Na sección Ciencia en Galego, o primeiro premio foi para María Bouso polo traballo Determinación de contaminantes ambientais en plumas e egagrópilas de cegoña branca e o segundo para Ainhoa Buján por A chuvia ácida no sistema bioxeoquímico, que tamén gañou o concurso na sección Lingua e Cultura por Unha lingua de coñecemento e futuro.
Xa na sección Divulgar é Natural o primeiro premio foi para Yago Rodríguez polo traballo Mosquitos: ameaza ou chibo expiatorio? Trabas do enfoque convencional e alternativas prometedoras e o segundo para Iria Rodríguez por Sabías que... aos elefantes apenas lles afecta o cancro?.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.