Noticias

19 novos centros incorpóranse ao programa de innovación educativa 'Introdución á robótica educativa en primaria'

A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra. Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021.

O importe concedido a cada centro deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria e en ningún caso se utilizarán para adquisición de materiais inventariables.

Ademais, como é habitual, cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formada por 6 robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, seis kits de construción que permitan a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

Os centros aos que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Introdución á Robótica en Primaria é unha iniciativa enmarcada dentro da Estratexia galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, co obxectivo de familiarizar os alumnos coas tecnoloxías, a robótica e a programación ao tempo que estimular o seu espírito científico e impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

R., 2020-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES