
As JIB 2025 centraranse na enxeñaría da saúde e o programa inclúe unha exposición de equipamento biomédico, que se poderá visitar entre os días 10 e 14, e dous simposios. O principal obxectivo é crear un espazo que permita poñer en valor de forma específica as innovacións tecnolóxicas aplicadas á saúde, destacar a relevancia da enxeñaría biomédica no desenvolvemento de solucións avanzadas para o diagnóstico e tratamento de enfermidades e fortalecer a conexión entre o ámbito universitario e o profesional. Ademais, estas xornadas pretenden ser unha plataforma para inspirar a estudantes e profesionais, mostrando as oportunidades e desafíos do sector.
Dous relatorios e unha exposición de material
No que se refire aos simposios, o primeiro, o día 11, titulado Hacia un futuro inteligente: tecnología e IA para transformar el manejo de la apnea del sueño, será impartido por María Luisa Torres, xefa de sección de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, enxeñeiro industrial e investigador posdoutoral do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur.
O segundo, o día 13, Presente y futuro de la cirugía endovascular, correrá a cargo de José Manuel Encisa de Sá, xefe de Cirurxía Vascular do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor de Medicina da USC, xunto con José Manuel Blanco, de Siemens Healthineers.
A exposición do equipamento biomédico, que se inserirá dentro do showroom Industria 4.0 das JAI, comprenderá material empregado por diversos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro, como equipamento de sono e de ventilación, máscaras, interfaces, técnicas eco endoscópicas respiratorias, próteses traumatolóxicas, etc. Ademais, tamén presentarán dotacións e tecnoloxías empresas como BETA Implants, KUNE Implants e Fabrx.
Unha fiestra ao futuro laboral
Segundo o director da EEI, José Fariña, as JIB'2025 están dirixidas a un público multidisciplinar e este enfoque transversal busca fomentar o intercambio de ideas e a colaboración entre a academia, a industria e o ámbito hospitalario. A idea é que sexa un foro no que poñer en valor a formación e o interese da figura da enxeñeira ou enxeñeiro biomédico no ámbito da sanidade, xa que o auxe da tecnoloxía no sector sanitario e o seu impacto na mellora da calidade de vida dos pacientes, así como na eficiencia dos sistemas sanitarios, serviu como detonante para este proxecto.
Irina Collazo é unha das estudantes implicadas na organización, xunto con Silvia Abreu, ambas membros de Ceebis, o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud. Considera que a celebración destas xornada será unha oportunidade única para que o alumnado do grao e do mestrado en Enxeñaría Biomédica vexa diferentes alternativas de futuro. É unha carreira moi nova e moitos non teñen unha visión da súa profesión. Pode que saiban a teoría de como pode ser o seu futuro, pero ver na práctica o que poden chegar a facer é o que creo que os pode motivar.
Ademais, na organización están implicados tamén Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, investigador e docente nesta área. Fernández Villar, que tamén é profesor asociado de Ciencias da Saúde no grao de Enxeñaría Biomédica, destaca que é a primeira vez que, coincidindo coas JAI, que son unhas xornadas xa moi consolidadas, se fan actividades específicas sobre enxeñaría biomédica, con exposicións de empresas do sector biosanitario e charlas relacionadas con avances nalgúns campos da saúde. O doutor Fernández Villar tamén destaca a implicación do alumnado na organización do evento, e actuarán como moderadores e "discusores" nos simposios que se celebrarán.
Un evento transformador
Para o director da Escola de Enxeñería Industrial, as JIB'2025 teñen o potencial de se converter nun evento transformador para o grao e o máster en Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo e, a longo prazo, para a formación nesta área en Galicia e en España. Neste sentido, destaca que permitirán estreitar a conexión coa industria, xa que proporcionarán unha ventá directa ao mundo profesional, permitindo que estudantes da EEI coñezan de primeira man as innovacións e demandas do mercado. Ademais, serán unha panca para o fomento da empregabilidade, a través do networking e o contacto con empresas líderes, coas que as e os asistentes poderán establecer conexións clave para o seu desenvolvemento profesional. Por outra banda, Fariña tamén resalta o potencial destas xornadas para darlle pulo á investigación e á innovación. Ao reunir expertos de diversos campos, o evento fomenta a creación de proxectos colaborativos e reforza a capacidade investigadora da Universidade. Finalmente, pon en valor outro aspecto, o prestixio académico, xa que a consolidación das JIB como un evento anual reforzaría a posición do grao e o máster en Enxeñaría Biomédica como un referente académico e profesional e axudaría a dar visibilidade e potenciar o impacto social. Ao destacar o papel da tecnoloxía na saúde, inspírase aos estudantes a se comprometeren con solucións que melloren a calidade de vida dos pacientes.
Inscricións
Para asistir aos simposios é preciso inscribirse neste enlace, xa que as prazas están limitadas a 60.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.