
A coordinadora desde o CITMaga é María Ángeles Casares de Cal, xunto a Antonio Gómez Tato, e ambos desenvolven o seu labor nas áreas de Estatística e Investigación Operativa e de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. O Instituto de Investigación Vall d´Hebron, o Instituto de Saúde de Luxemburgo, o Hospital Universitario Haceteppe de Turquía, e dúas empresas de Turquía e Lituania -encargadas de validar o dispositivo- son os demais socios desta iniciativa.
En aumento
O de endometrio é o cuarto cancro máis común en mulleres e dos poucos cancros cuxa incidencia segue en aumento. A súa detección precoz é fundamental, xa que está directamente asociada á supervivencia das pacientes. Na actualidade non hai métodos de cribado dispoñibles para esta enfermidade e o diagnóstico só se realiza no caso de mulleres que presentan síntomas. Por este motivo, xorde a necesidade de establecer un proceso de cribado rigoroso, rápido e pouco invasivo para as pacientes.
O equipo de investigación do CITMAga encárgase do desenvolvemento de modelos matemáticos e algoritmos que axuden no proceso. Tal como explica o profesor Antonio Gómez Tato, o diagnóstico de cancro de endometrio non é algo simple, senón que inclúe probas médicas invasivas, que requiren quirófano e anestesia. O obxectivo do proxecto é desenvolver un método non invasivo, fiable e rápido, para poder descartar, ou non, que a paciente teña cancro.
Na consulta
Neste proxecto, unha vez extraídas mostras de mulleres con e sen a enfermidade, búscase o perfil das proteínas vencelladas ao cancro de endometrio. Para iso selecciónanse varias proteínas candidatas (biomarcadores), coas que se desenvolve o modelo matemático. Este modelo vai permitir coñecer con alta probabilidade se a paciente presenta ou non a enfermidade. Logo, as empresas europeas participantes no proxecto encargaranse de desenvolver un pequeno dispositivo para utilizar directamente nas consultas médicas. Deste xeito, identificando biomarcadores no fluído cervical das pacientes pódese axilizar o proceso e coñecer o diagnóstico na propia consulta, a través desta ferramenta personalizada.
Así, cando unha paciente presente algún síntoma compatible coa enfermidade, mediante unha simple análise dunha mostra obtida na consulta, poderase descartar ou non a presenza dun cancro endometrial e, polo tanto, evitar biopsias innecesarias -asegura Antonio Gómez Tato-.
O primeiro paso foi validar o potencial duns biomarcadores previamente identificados nun estudo clínico realizado polo Instituto de Investigación Vall d´Hebron co apoio do Instituto de Saúde de Luxemburgo. Os biomarcadores combínanse con datos clínicos mediante técnicas de aprendizaxe automática, grazas aos modelos desenvovidos polo investigadores do CITMAga no proxecto. Estes algoritmos serán utilizados polo dispositivo, de cuxo deseño e programación se encargarán empresas biotecnolóxicas con oficinas en Turquía e Lituania. O proxecto rematará cun estudo clínico que se realizará en diversas consultas hospitalarias de España e Turquía.
O test de diagnóstico derivado deste proxecto permitirá un cambio na paradigma de como se diagnostica na actualidade o cancro de endometrio, beneficiando a pacientes, médicos e o sistema de saúde, salientan María Ángeles Casares e Antonio Gómez.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.