
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da Estratexia Galicia Dixital 2030 que prevé mobilizar 4.000 millóns de euros para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental.
Feijóo aseverou que queremos planificar a vindeira década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G.
Deste xeito, segundo explicou Feijóo, a Estratexia márcase como obxectivos: situar a Galicia como unha rexión dixital de referencia en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.
Para acadar eses propósitos, preténdese mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea e 1.600 millóns de euros serán fondos de iniciativas privadas. Este investimento, explicou Feijóo, superará en 1.300 millóns de euros o que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais (2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2014-2020). Ademais, tendo en conta que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, se vai producir unha inxección na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros, incidiu Feijóo.
7 eixos estratéxicos e 1 transversal
A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas.
O primeiro destes eixos céntrase no Goberno e Administración Intelixente para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.
Tamén se aspira a unha Sociedade dixital inclusiva para o que se implantarán grandes programas de formación para que no 2025 o 80% dos cidadáns teñan competencias básicas dixitais e non deixar a ninguén fóra da realidade, salientou Feijóo.
No eixo do Territorio intelixente, verde e resiliente activaranse 4 programas para un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.
En materia de Entorno dixital para saúde e benestar aspírase a empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial.
A maiores, Feijóo incidiu na Conectividade dixital, co obxectivo de acadar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir unha Galicia máis integrada e conectada.
A Estratexia tamén mellorará a conservación do patrimonio cultural dando máis pulo á Memoria Dixital de Galicia no marco do eixo Cultura e turismo intelixente.
Así mesmo, o eixo Economía dixital fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital de pemes e transición cara a industria 4.0. Segundo dixo Feijóo, a aspiración é aumentar ata un 50% a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15% no caso das microempresas.
Finalmente, o eixo transversal céntrase na formación. Deste xeito, promoverase o talento dixital e actuarase para fortalecer o sector das TIC. O presidente da Xunta explicou que queremos que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais inspiradas nestas tecnoloxías.
Para concluír, Feijóo avanzou a elaboración dun novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e coa preparación dun Código Ético de referencia para blindar unha dixitalización segura e responsable. A maiores, crearase o Consello Asesor para a Transformación Dixital de Galicia e a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.